Ames, 9 de novembro do 2021 – Ames aposta polo cinema documental na progrmación do concello para este mes de novembro.
Documental e galego con tres apostas firmadas por directoras e guionistas do país. “Negro Púrpura”, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva; “Nación”, de Margarita Ledo, e “As silenciadas”, dirixido por Pablo Ces e guionizado por Aurora Marco e o propio Ces.
As sesións terán lugar os mércores 10, 17 e 24 de novembro, respectivamente, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas, e incluirán encontros coas cineastas Margarita Ledo, Pablo Ces e Aurora Marco. Os convites gratuítos xa están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames.
Temática documental
“Negro Púrpura” será o filme encargado de inaugurar as proxeccións deste ciclo, o mércores 10 de novembro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Estreado neste ano 2021, o documental, que conta coa dirección e guión de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, xira arredor do “claviceps purpurea”, un fungo alucinóxeno cunha historia curiosa e descoñecida, e do seu lugar de maior produción: Galicia.
“Nación” é a nova proposta da consagrada directora e cineasta galega Margarita Ledo, que presentou este documental o pasado ano, na 18º edición do Festival de Sevilla. O documental, a través da historia das mulleres traballadoras da fábrica de cerámica da Pontesa, constrúe unha historia feminina, de precariedade, de loita colectiva, e de procura de dereitos e da autoestima: en definitiva, de facer “nación”. Será o mércores 17 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Antes do comezo da proxección, haberá un coloquio coa directora do filme, Margarita Ledo.
A última proxección do ciclo documental será “As silenciadas”, dirixida por Pablo Ces e con guión de Aurora Marco e do propio Ces. Estreado no 2010, “As silenciadas”, Premio Mestre Mateo 2012 ao mellor Documental, ten como protagonistas ás mulleres represaliadas durante a posguerra, por defenderen e apoiaren o movemento guerrilleiro antifranquista, para o que foron fundamentais. O filme proxectarase o mércores 24 de novembro, no mesmo horario e lugar que os demais documentais, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ao final da sesión, Pablo Ces e Aurora Marco asistirán a un encontro coas persoas asistentes.