Bisbarra, 8 de xaneiro do 2021 – O subcomité clínico vén de acordar elevar ao nivel máximo as restricións aos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo, logo de analizar a súa situación epidemiolóxica.
O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou en rolda de prensa que os tres concellos formarán unha amendoa perimetral con restrición de mobilidade, tendo que rexerse pola normativa deste nivel referida á hostalería, actividades culturais e deportivas, xuntanzas en lugares de culto, etc.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comunicou que o subcomité tamén decidiu manter o peche perimetral de toda a comunidade autónoma, que tiña previsto rematar o día 11, durante todo o mes de xaneiro á vista da incidencia que a covid-19 está tendo nos concellos do norte de Portugal.
Así mesmo indicou que, de acordo coa consellería de Política Social, decidiuse blindar as residencias sociosanitarias, que agora mesmo están en plena campaña de vacinación, restrinxindo ás visitas a tan só unha semanal por usuario. Ademais quedarán suprimidas as saídas dos centros aos residentes.
Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de hoxe e entrarán en vigor ás 00,00 horas do sábado, e dicir desde esta media noite.
Queixas da hostalería
A Asociación Hostalaría Compostela lamenta as novas restricións ao sector anunciadas polo Goberno galego, que no caso de Santiago, Ames e Teo implican a prohibición do consumo no interior dos locais, o servizo en terraza a un 50%, o peche ás 18:00 horas e un máximo de catro persoas por mesa.
“Os hostaleiros composteláns somos os maximamente afectados polas decisións do Goberno galego e non temos ningún tipo de compensación”, denuncian desde a Xunta Directiva.
A entidade recorda que hai unha alta porcentaxe de axudas sen conceder como, por exemplo, de ata un 90% no caso da Liña de Microempresas da Xunta. Por un valor total de entre 4000 e 5000 euros, anunciouse que se ingresarían metade en decembro e metade en xaneiro pero a día de hoxe aínda non se fixo efectiva ningunha cantidade
Desproporcionadas e improvisadas
Hostalaría Compostela considera absolutamente desproporcionadas estas medidas, cando a incidencia acumulada en Santiago coincide coa media española e cando só se toman contra a hostalaría, mentres que no resto de sectores a mobilidade segue sendo a mesma.
A Asociación entende que o incremento dos positivos durante as festas de nadal non é responsabilidade do sector. No pasado decembro os bares e restaurantes non acolleron nin festas nin ceas de empresas e sufriron unha diminución dos ingresos dun 80% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Nese período si que houbo unha mobilidade específica noutros ámbitos, tal e como informou o conselleiro de Sanidade en rolda de prensa, como festas privadas, onde non hai ningún tipo de medidas de seguridade nin hixiene.
