Boqueixón, 31 de decembro do 2020 – Boqueixón ven de renovar a súa Biblioteca Municipal ampliando o espazo e mellorando a accesibilidade.
A Biblioteca está situada en O Forte, na planta baixa da Casa do Concello. Os fondos están divididos en distintos espazos que se corresponden coas categorías infantil, xuvenil, novela galega, novela castelán, inglés, poesía, teatro e outras especialidades.
Ademais a Biblioteca Municipal vén de adquirir 264 novas publicacións que se suman aos máis de 7.000 fondos que están á disposición dos usuarios. Estas incorporacións, coas novidades literarias máis actuais e solicitadas, estarán dispoñibles para a veciñanza a partires do mes de xaneiro.
Por outra banda, e para mellorar o seu servizo, a Biblioteca Municipal de Boqueixón integrouse na Rede Galega de Bibliotecas. Isto permite ás persoas usuarias un acceso inmediato ao GaliciaLe, unha plataforma de préstamos de obras en formato electrónico..
O servizo de biblioteca está aberto de luns a venres pola mañá de 09.00 a 13.00 e os luns e mércores, tamén pola tarde entre as 15.30 e as 18.00 horas.
Polo de agora, dada a situación sanitaria actual, a biblioteca está dispoñible para o préstamo de libros, que unha vez devoltos se poñen en corentena. Non obstante, dende o Concello de Boqueixón agardan, en canto sexa posible, poñer á disposición da veciñanza este espazo como zona de estudo, ademais de programar diversas actividades de animación á lectura para as persoas usuarias deste centro municipal.