Compostela, 26 de xuño do 2019 – A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou a nova tempada na que destaca a estrea dunha ópera, unha xira por Austria e o retorno da zarzuela ao programa.
O programa 2019 – 2020 da Real Filharmonía coincide ademais co 30 aniversario da sede da orquestra, o Auditorio de Galicia, onde foi presentada esta programación. Xunto ao director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel e a directora técnica da RFG, Sabela García Fonte, estiveron o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé Sánchez Bugallo e a concelleira de acción cultural, Mercedes Rosón.
A RFG celebrará 22 concertos de abono baixo o lema “En movemento”, en relación á idea defendida polo propio Beethoven de que a arte esíxenos que nunca nos deteñamos. Foi o primeiro artista romántico da historia; convencido de que o sentimento move o mundo, toda a súa obra reflicte a súa profunda inquedanza sobre a renovación e a busca artística.
Precisamente o vindeiro ano conmemórase o 250 aniversario do nacemento de Beethoven, polo que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá programas especiais en torno ás súas obras. Ao longo da temporada escoitaranse 5 das súas sinfonías, música do seu ballet As criaturas de Prometeo, ademais de pezas doutros compositores inspiradas nel. “En cada un dos concertos haberá algo novo porque temos que estar sempre en movemento. No meu espírito de renovación, agardo que haxa algo para todos e para todas nesta temporada, para os adultos e tamén para os nenos” -indicou Paul Daniel-.
Na programación de abono do Auditorio de Galicia inclúese ademais un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia e outro do Ciclo de Piano Ángel Brage coa pianista Varvara.
Actuacións gratuítas nos barrios, proxectos didácticos, familiares e solidarios
En setembro a orquestra sairá á rúa con 3 concertos de balde en diferentes barrios da cidade. Durante a temporada programaranse 5 concertos didácticos para escolares con tres propostas diferentes: Romeo e Xulieta coa compañía de monicreques Per Poc; O grande Beethoven, un encargo da RFG ao Serviço Educativo da Casa da Música de Porto para conmemorar o Ano Beethoven; e un concerto con Paul Daniel arredor de Chaikovski.
Co fin de achegar a música clásica e a RFG a novos públicos, continúan os concertos familiares e o ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, con horarios e prezos accesibles. No marco do proxecto RFG Solidaria, estas actuacións destinaranse a dar visibilidade a asociacións e ONGs, en particular a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Asociación Galega de Alzheimer, FADEMGA Plena Inclusión Galicia e a Asociación Fonte da Virxe de familiares e amigos dos enfermos mentais de Galicia.
Estrea dunha ópera con firma galega
A RFG estreará en novembro a ópera A amnesia de Clío do compositor galego Fernando Buide. O título, dirixido por Paul Daniel, contará coas voces da soprano Raquel Lojendio e do barítono Sebastiá Peris, xunto ás do Orfeón Terra A Nosa; coa dirección escénica de Marta Pazos. Representarase en Santiago e no Teatro Colón da Coruña.
Trátase dunha obra realizada coa Beca Leonardo a Investigadores y Creadores Culturales 2017 da Fundación BBVA. É unha produción da compañía Voadora en coprodución co Consorcio de Santiago, o Centro Dramático Galego e Amigos da Ópera de Santiago; en colaboración co Orfeón Terra A Nosa; co patrocinio do Xacobeo 2021; e o apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Concello da Coruña.
Ademais, ofrecerase un programa de zarzuela en colaboración con Amigos da Ópera de Santiago, co mestre Manuel Coves, a soprano Miren Urbieta e o barítono Damián del Castillo. Unha gala lírica con Paul Daniel pechará a temporada, co tenor Pene Pati, que triunfa nos escenarios de ópera de todo o mundo.
Cineuropa e Concerto de Nadal
No marco do Festival Cineuropa, a orquestra porá a banda sonora ao filme mudo A caída da casa de Usher (1928) de Jean Epstein, con música de José Mª Sánchez-Verdú, que se estreará por primeira vez en España. A música de Verdú é un encargo conxunto do Festival Stresa (Italia), a Casa da Música de Porto e a RFG.
En Nadal haberá dous concertos, nos que se interpretará O Mesías participativo de Haendel, en colaboración coa Obra Social La Caixa, coas voces da soprano Elisa Willson, a contralto Catherine Hopper, o tenor Guy Cutting, o baixo George Humphreys e as do coro Barcelona Ars Nova, ademais dos coros populares que participarán nestes concertos. Pola súa parte, o tradicional Concerto da noite de Reis achegará un programa moi popular.
Estreas en apoio de xoves compositores e da creación contemporánea
Ao longo da temporada a RFG realizará varias estreas, mantendo así o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a xoves compositores. É o caso da compositora compostelá Sofía Infante, autora da banda sonora da película Elisa y Marcela de Isabel Coixet, que presentará unha obra por encargo da RFG. Tamén se estreará Danzas latinas para trompeta de Efraín Oscher, interpretada por Pacho Flores. E presentaranse por primeira vez en España Radio Rewrite de Steve Reich, Masquerade de Anne Clyne e Heiligenstadt de Stephen McNeff.
Grandes batutas e solistas de renome nacional e internacional
O director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, realizará un total de 9 programas esta temporada. Ademais, á fronte da orquestra poranse outros grandes mestres nacionais e internacionais. Debutarán coa RFG dúas directoras, a portuguesa Joana Carneiro -coa que se abrirá esta nova temporada- e a británica Jessica Cottis; ademais dos mestres Mijail Jurowski, José Antonio Montaño, Robert Howarth, Nuno Coelho (gañador do Concurso Internacional de Dirección de Cadaqués 2017) ou Marc-Leroy Calatayud. Repetirán visita Manuel Coves, Manuel Hernández-Silva, Jaime Martín, Geoffrey Styles, Pablo González, xunto ao principal director convidado da orquestra, Jonathan Webb.
Entre os solistas convidados destacan figuras recoñecidas como os pianistas Javier Perianes, Claire Huangci (1º premio no Géza Anda Competition 2018), Dmytro Choni (gañador do Concurso Internacional de Piano de Santander 2017) e Sofya Melikyan; o violoncellista Steven Isserlis (un dos máis aclamados internacionalmente); os violinistas Matthieu Arama e Ellinor D´Melon; o trompetista Pacho Flores; o guitarrista Enrike Solinís; ademais do Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música 2018.
Unha xira internacional por Austria
A RFG regresará a Centroeuropa cunha xira de 4 concertos en Austria, nas cidades de Salzburgo (Großes Festspielhaus) e Bregenz (Festspielhaus). Serán dous programas centrados no repertorio orquestral español, dirixidos polo prestixioso Pablo González (director titular e artístico da Orquesta Sinfónica de RTVE), coa pianista Claire Huangci, a cantaora María José Pérez e o guitarrista Enrike Solinís.
A RFG nas cidades galegas
A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá 18 concertos noutras cidades galegas, continuando co seu compromiso de chegar a toda a comunidade; en colaboración con Afundación; as Sociedades Filharmónicas de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra; o Teatro Principal de Ourense, a Orquestra Sinfónica de Galicia e o Teatro Colón da Coruña.
No transcurso da presentación deuse conta ademais do lanzamento nos vindeiros días dun dobre CD/DVD que a Real Filharmonía de Galicia gravou co trompetista Pacho Flores e o director Manuel Hernández-Silva para o selo Deustche Grammophon.