Santiago de Compostela, 10 de decembro do 2016 – A Xunta de Goberno de Compostela acordou atender o requirimento feito dende o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago para que se lle dea cumprimento a unha sentenza ditada no ao 2013 e pola que o Concello terá que desembolsar máis de 50.000 euros. O procedemento refírese ao recurso interposto por unha comunidade de propietarios da rúa da Queimada, á que se lle imputaran uns gastos de urbanización. A xustiza deulle a razón, e o Concello terá que pagarlle 46.418,24 euros pola cota de urbanización, 3,787,96 euros pola diferenza de aproveitamento e 6.388,57 euros en concepto de intereses.
O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que esta sentenza súmase “ás moitas que levamos recibidas no último ano, polas que o Concello ten que pagar máis de tres millóns e medio de euros, ademais de verse obrigado a corrixir varias adxudicacións mal efectuadas segundo a xustiza”. O rexedor insistiu en que “a situación que estamos a vivir no que ten que ver coas sentenzas xudiciais non é normal, e está prexudicando ao normal funcionamento da administración, en canto que ten que refacer trámites que deberan estar resoltos”.
Preguntado pola súa situación persoal xa que está apercibido, como persoa física, con multas de máis de 6.000 euros, Martiño Noriega explicou que esta situación prodúcese en máis de 20 casos xa que é unha medida de presión usada polos xulgados de xeito habitual
Con respecto ao caso da antiga papeleira de Brandía o alcalde explicou que, máis alá das multas ao alcalde, a estratexía é o cumprimento das sentenzas xa que do contrario a responsabilidade patrimonial do concello en ese caso concreto sería enorme
Outras decisións da Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno adxudicou ademáis o contrato do Servizo de intervención e recollida de animais abandonados, perdidos domésticos ou salvaxes á empresa Servicios Gallegos de Lacería. O servizo terá un custo de 36.989 euros anuais, IVE aparte de 7.767,69 euros.
Tamén se deu conta da sinatura de varios convenios entre o Concello e distintas entidades culturais. Así, a Sala Capitol recibirá unha achega de 12.000 euros, e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, o Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e a Asociación Cultural e Folclórica Colexiata de Sar recibirán 3.500 euros cada unha. Aprobouse igualmente a xustificación e o pagamento de varias subvencións nominativas: a da Asociación Cultural e Musical Solfa, por 3.000 euros; a da Asociación Cultural Rocha Forte, por 3.000 euros; e a do grupo de baile e música tradicional Brincadeira, por 3.500 euros.
Ademais, na sesión deuse conta da concesión dunha subvención de 10.000 euros da Deputación da Coruña, correspondente á convocatoria de axudas para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza. Tamén a proposta do concelleiro delegado de Educación, aprobouse a conta xustificativa do convenio de colaboración coa Consellería de Educación para a xestión do servizo de comedor escolar en nove centros de Compostela, que ascende a 19.551 euros polo período escolar do 12 de setembro ao 30 de outubro. Os colexios incluídos no convenio son o CEIP Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Cardeal Quiroga Palacios, Roxos-Villestro, Monte dos Postes, Mestre Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite I e CEIP Raíña Fabiola.