Val do Dubra, 10 de decembro do 2021 – A plataforma Eólica Así NON convoca este sábado unha protesta en Val do Dubra para pedir unha moratoria eólica.
Eólica Así NON convoca a manifestación coincidindo co Día Mundial das Montañas, que se celebra este sábado día 11. A plataforma está apoiada por 170 colectivos de toda Galicia. A cita as doce do mediodia no Campo da Feira de Bembibre en Val do Dubra.
As montañas, as máis prexudicadas
Desde o colectivo lémbrase que as montañas galegas “son as principais vítimas desta aloucada e caótica vaga eólica que estamos a vivir ao constituír os lugares preferentes polas promotoras para colocar os seus
megaproxectos eólicos, despoxándoas practicamente de todos os seus valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico”.
Na actualidade en Galicia están en funcionamento 186 proxectos e hai 300 tramitándose. Desde Eólica así NON denuncian que estas iniciativas “terían un impacto singular e irreparable no conxunto de montañas, picos, petoutos, cumios, cordilleiras, serras, macizos, montes e outros tipos de elevacións naturais nos que se prevén implantar, incluso, poñendo en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico do país”. Engaden que “a rede de montañas galega abastece a meirande parte da demanda de auga e alimentos do país e está conformada por verdadeiros santuarios de biodiversidade, que aínda preservan endemismos e hábitats de especial interese para a súa conservación na loita contra o quecemento global, como poden ser as brañas, lagoas, bosques húmidos, turbeiras….”. Son ademais refuxio de especies de flora e fauna singulares, dos grandes mamíferos ameazados ou en perigo de extinción, de aves, morcegos e outras especies que son garante do equilibro ecolóxico de Galiza.
As montañas, explican “son tamén representan as nascentes dos ríos e regos dos que nos abastecemos de auga, ofrecendo o 80% dos recursos hídricos que consumimos,e proporcionando outros múltiples e variados servizos ecosistémicos como o control da erosión do solo, a regulación atmosférica, a paisaxe, reservorio do noso patrimonio cultural, etc.”.
Moratoria inmediata
Na protesta de Val do Dubra Eólica así NON presentará un manifesto que reclama unha serie de puntos moi concretos comezando por “unha moratoria das instalacións en tramitación, sexan competencia da Xunta ou do Estado español, e redacción dun novo Plano Sectorial Eólico sometido a avaliación ambiental estratéxica”.
En segundo lugar a “Protección dos servizos ecosistémicos que prestan a biodiversidade e a xeodiversidade, chaves para amortecer os efectos da mudanza climática e para aumentar a resiliencia dos ecosistemas dos que depende a vida”.
En terceiro lugar reclamarán unha “ampliación da superficie protexida de Galiza. Só o 11,5% da supeficie galega está ambientalmente protexida. Reclamamos unha vez máis á Administración galega que cumpran co mandado da UE e que amplíe dun xeito urxente os espazos naturais
protexidos en Galiza como Rede Natura 2000, únicos espazos nos que a día de hoxe se prohíbe por lei a instalación de novos proxectos eólcos”.
As demandas continúan ata os dez puntos con reclamacións como unha transición ordenada, data de caducidade para as instalacións actuais, soberanía enerxética, ou cumprimento da normativa medio ambiental e prohibición de proxecto en núcleos de poboación.