Touro, 27 de setembro do 2018 – Apenas unha semana despois de que se coñecese que Augas de Galicia multara con 30.000 euros a Explotaciones Gallegas, por vertidos de augas residuais, descóbrese que a mineira de Touro impúxoselle outra de 20.000 € polo desbordamento dunha balsa.
A Asociación Aldea viva comunicara o desbordamento da balsa no mes de febreiro e, como consecuencia, a contaminación do río Brandelos, afluente do Ulla. Un mes despois Francisco Conde, Conselleiro de Industria, anunciaba no Parlamento a tramitación dun expediente sancionador contra a mineira de Touro achacando os feitos as condicións climatolóxicas.
Agora Augas de Galicia depura as responsabilidades e contradice os argumentos dados en aquel momento xa que indica que “os episodios de choiva como os acontecidos no pasado mes de Febreiro non son infrecuentes na zona, e constátase que a empresa non tomou ningunha medida preventiva para evitar o vertido polo que se lle incoa este procedemento”. O organismo público tamén rexeita a argumentación da empresa que intenta eludir as reponsabilidades negando que o vertido ilegal altere a calidade da auga. Neste senso Augas de Galicia afirma que as diferentes analíticas demostran o contrario “logo do desbordamento constátase un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos entre augas arriba e augas abaixo do vertido e tamén un incremento moi considerable dos parámetros de Cobre e Manganeso”.
A asociación Aldea Viva considera que a resolución destes dous expedientes sancionadores con resultado de culpabilidade a Explotaciones Gallegas S.L deberían ser motivo abondo para que a administración galega rexeite o proxecto mineiro xa que “queda constatada a incompetencia e ausencia de responsabilidade da empresa dende que chegou ó municipio, a comezos dos anos 90”.