Negreira, 13/06/2026 – Negreira presentou na Casa da Cultura a súa nova guía turística, elaborada en colaboración coa Deputación da Coruña. O vicepresidente provincial asistiu ao acto, onde estivo acompañado do rexedor, Ángel Leis; do autor, Amancio Liñares e da exdocente, Clara Rodríguez.
Trátase da terceira publicación do historiador local, que aporta novos contidos e información actualizada, e pon o foco no fenómeno xacobeo e a súa repercusión no municipio de Negreira.

Regueira sinalou que “é unha valiosa ferramenta para dar a coñecer a riqueza patrimonial, paisaxística e cultural do municipio desde unha mirada actualizada, con rigor e un gran respecto como ven facendo sempre Amancio Liñares”.
O vicepresidente tamén destacou a relevancia do Xacobeo para Negreira, “que o converte nun punto estratéxico do Camiño a Fisterra e Muxía, xerando novas oportunidades para o desenvolvemento local e para a promoción dun turismo de calidade. Esta nova guía recolle esa transformación e amosa como Negreira soubo aproveitar a oportunidade para reforzar a súa oferta turística, mellorar os servizos e poñer en valor o seu patrimonio natural, histórico e cultural”.

“O Camiño non só trae visitantes; tamén axuda a crear actividade económica, a xerar emprego e a proxectar a imaxe do municipio máis alá das nosas fronteiras. Por iso é importante contar con publicacións como esta, que permiten poñer en valor os recursos propios do territorio, reforzar a súa identidade e ofrecer aos visitantes unha experiencia máis completa”.
A publicación ofrece datos demográficos e económicos actualizados, e do apartado gráfico encargáronse as profesionais locais de Abraham Fotógrafas. Tamén recolle o crecemento en albergues e a inclusión de Negreira entre os pobos máis bonitos pola ponte de Maceira, así como os novos miradoiros de Sopensa e do Cotro.
