Ames, 25 de setembro do 2017 – O movemento pedagóxico Nova Escola Galega organiza en Ames, ao longo de outubro e novembro, cinco cursos que abarcan temas vinculados a música, o audiovisual ou a autoestima.
A Nova Escola Galega (NEG) é un movemento que procura impulsar a renovación pedagóxica e a galeguización lingüística e curricular no sistema educativo de Galicia. Fundada en 1983, ten a súa sede no Milladoiro desde donde organiza diferentes cursos.
No mes de outubro, impartíranse un obradoiro vocal e corporal e outro de xestión socio-cultural. Pola súa banda, en novembro desenvolveranse os obradoiros de percusión e canto tradicional, de iniciación ao audiovisual e de autoestima feminina e novas masculinidades. Todos os cursos contan coa colaboración do Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura.
O primeiro dos cursos organizados en Ames é un obradoiro vocal e corporal que se presenta baixo o título “O meu corpo como instrumento”. Impartido por Nastasia Zürcher, terá lugar o próximo 7 de outubro, en horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00 horas. Posteriormente, os días 28 e 29 de outubro, desenvolverase o obradoiro “Organización e implementación de actividades culturais: taller de xestión sociocultural”. Diego Vázquez Meizoso será o encargado de impartir este curso que terá un horario semellante ao anterior: de 11:00h a 14:00 h e de 16:00h a 18:00h. Ambos cursos teñen un prezo de 60 euros (45€ para socias e socios da NEG), e serán impartidos na sede da NEG no Milladoiro.
En novembro, o primeiro dos cursos organizados pola NEG será un obradoiro de percusión e canto tradicional con Davide Salvado, que terá lugar o día 4, no Pazo da Peregrina (en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00 horas). Os días 18 e 19 de novembro, haberá un taller de iniciación ao audiovisual da man de Seispés Producións Creativas na sede da NEG; o sábado de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00 horas, e o domingo de 10:00h a 14:00 horas. Os dous cursos terán un prezo de 60 euros (45€ para socias e socios da NEG).
O último dos cursos é o de “Autoestima feminina e novas masculinidades: Desaprendendo o sexismo desde as as aulas”, que terá lugar os días 24 e 25 de novembro na sede da NEG no Milladoiro. Homologado pola Xunta, será impartido por Sonia Fernández Casal e Xosé Cabido Pérez. O venres o horario será de 17:00h a 21:00 horas, e o sábado de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 21:00 horas. A matrícula será de 50 euros (30€ para socias e socios da NEG).
Para inscribirse nos cursos é preciso cubrir o formulario de inscrición que se atopa no apartado “Secretaría”, da páxina web da Nova Escola Galega (www.neg.gal), e envíala, posteriormente, ao correo electrónico neg@neg.gal. Todas as actividades contan coa colaboración do Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura.