Bisbarra, 2 de abril do 2019 – Xa está en marcha unha nova edición do proxecto Enreguéifate, impulsado polos concellos de Ames, Santiago e Teo para promocionar o uso do galego a través da improvisación oral en verso.
Enreguéifate abriu este luns o prazo de inscrición para presentar os vídeos ao certame que se estenderá ata o 10 de xuño. Como en edicións anteriores, establécense dúas categorías: unha xeral, na que pode participar calquera persoa; e unha escolar, dirixida ao alumnado de ensino non universitario, que representarán ao seu centro educativo. Os vídeos terán unha duración máxima de tres minutos, e neles deben aparecer cando menos dúas persoas. Haberá premios para as mellores regueifas en seis categorías: a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. A entrega de premios será o 27 de setembro, nun acto que se vai celebrar no Teatro Principal, en Santiago de Compostela.
A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación de Ames, Isabel Vaquero, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Cultura e Educación de Teo, Pilar Faxil, e o regueifeiro, Manolo Maseda, presentaron a nova edición do proxecto que este ano chega a súa terceira edición.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, lembrou que este programa “quere aproveitar o rexurdir que está a experimentar a regueifa e utilizar o seu enorme potencial como ferramenta para que os mozos e as mozas se animen a expresárense en galego”. Martiño Noriega incidiu en que “é precisamente na xente máis nova e na comunicación oral na que a nosa lingua está a amosar unha maior febleza, e entendemos que a regueifa pode promover comportamentos favorables cara o uso do galego”.
Ademais, quixo poñer en valor “a colaboración entre os concellos de Santiago, Ames e Teo neste programa, da man das súas equipas de lingua e demostrando que non hai fronteiras administrativas para iniciativas coma esta”. Na mesma liña, a concelleira de Teo Pilar Faxil expresou a súa satisfacción “por seguir colaborando con este proxecto, que esperta un enorme interese na rapazada, que nos sorprende coa súa capacidade para regueifar”.