Bisbarra, 29 de setembro do 2021 – Política Lingüística e a Real Academia Galega poñen en marcha unha nova edición de Toponimízate, o programa de posta en valor da toponimia dos concellos.
A presentación contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes. Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra non se celebrou no 2020 por mor da crise sanitaria e as obrigadas restricións. Este ano celebrarase entre outubro e decembro en nove concellos, oito deles da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
Toponimízate buscará de novo involucrar a voluntarios por medio da app Galicia Nomeada, un software móbil e gratuíto que explica na súa descrición que ” Ninguén coñece mellor os nomes dun territorio cás persoas que o habitan e que conservaron e transmitiron co seu uso, despois de varias xeracións, un ben cultural tan valioso”.
Valentín García, e Víctor F. Freixanes estiveron acompañados de Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Academia que se encargará de impartir as charlas previstas.
“Toponimízate supón a difusión e socialización dunha riqueza lingüística e cultural tan importante como son os nomes da terra. Busca a colaboración e o prestixio de saber chamarlle a cada lugar polo seu nome”, destacou Valentín García. “ É tamén un exemplo de colaboración entre administracións e unha entidade tan importante como a RAG que, desde hai algúns anos, está indo da man connosco neste proxecto de referencia”, engadiu o representante da Consellería de Cultura, Educación en Universidade.
Pola súa banda, o presidente da RAG salientou o gran valor da toponimia galega e a importancia do seu estudo, que a Academia desenvolve a través do Seminario de Onomástica. “A toponimia é a ciencia que estuda os nomes de lugar, a memoria da nosa paisaxe e da nosa xeografía, memoria humanizada que se constrúe ao longo do tempo, de xeración en xeración, e que constitúe un patrimonio de enorme valor. Galicia é un dos espazos europeos con máis riqueza cultural neste eido. Cada metro cadrado ten nome de seu, significación histórica que marcaron os devanceiros”, destacou.
Víctor F. Freixanes referiuse tamén á necesidade de implicar o público xeral “na descuberta dun patrimonio que debe conservarse e transmitirse ás novas xeracións” e agradeceu a implicación “de tanta xente do común, particulares e institucións” nesta campaña.
Charlas programadas
As charlas de Toponimízate divídense en dous bloques temáticos. O primeiro deles aborda a riqueza toponímica galega, mentres o segundo presenta o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, unha plataforma a través da cal a veciñanza pode engadir os diferentes microtopónimos que coñeza e que xa conta con máis de 2200 usuarios que compartiron preto de 31.000 nomes de lugares dende o 2019.
Ademais, as sesións de Toponimízate tamén permiten coñecer as utilidades prácticas para a Administración pública, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información unha vez xeorreferenciada e normativizada, e conclúen cun percorrido polo significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello en cuestión coa colaboración do académico da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG.
A primeira cita desta cuarta edición xa tivo lugar o pasado xuño en Marín, mais o resto da campaña comezará o vindeiro venres 1 de outubro en Triacastela. Outeiro de Rei, Carnota e O Irixo acollerán as restantes charlas presenciais desta edición que introduce, como novidade, tres sesións telemáticas emitidas en directo a través da canle de YouTube da RAG e que poderán verse de maneira colectiva nos espazos habilitados nos respectivos concellos de Ribeira, O Barco de Valdeorras e Meaño.
O peche da cuarta campaña de Toponimízate terá lugar en Ortigueira o 3 de decembro coa outra gran novidade da edición, un obradoiro de memoria no centro de maiores da vila. A sesión concíbese como unha actividade da memoria na que a aposta polo envellecemento activo e a calidade de vida na terceira idade irá da man da recuperación da nosa toponimia tradicional.
Toda a información e o calendario de sesións irase actualizando no Portal da Lingua Galega, na Axenda de Cultura de Galicia e no web da RAG.