O vindeiro domingo 27 de xullo Arzúa Viva acolle xogos, actividades de lecer e actuacións dirixidas a público infantil e mozo.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa dá a coñecer o programa de actividades para unha nova edición de Arzúa Viva, incluída na programación cultural de verán.
A Carballeira de Santa María, situada detrás do Pavillón polideportivo de O Cruceiro, acollerá este domingo, 27 de xullo, a 18ª edición de Arzúa Viva con actividades de lecer e actuacións para público infantil e para a mocidade.
De 17:00 a 21:00 horas haberá instalados diversos inchables, obradoiros, xogos tradicionais do mundo e contarase con actividades recreativas como o Twister xigante, o Porco mecánico ou o Guacamole interactivo.
A partir das seis da tarde terá lugar o espectáculo Asacocirco Show, pensado para todos os públicos e no que Mirroska e Juanito son os clowns dun divertido mini circo.
Estes pallasos combinan humor, destreza física, moita técnica, ritmo e poucas palabras. Un xogo cómico onde o espectador sentirase moi implicado e no que sempre hai lugar para a sorpresa.
A xornada incluirá tamén un reparto gratuíto de xeados entre o público asistente ata esgotar existencias. E como remate, a presente edición de Arzúa Viva pecharase cunha Festa da Espuma en colaboración coa Comisión de Festas do Carme de Arzúa 2025.
A asistencia a todas as actividades é de balde e o acceso libre. O concelleiro de cultura, José Luís García, anima “a todas as familias a participar nesta xornada pensada para o desfrute de todas e de todos con actividades que buscan o entretemento e pasalo ben, mais tamén a convivencia entre veciñas e veciños nun ambiente festivo e de lecer”.
