O Parlamentario socialista levou unha proposta para a construción do centro de saúde do Castiñeiriño que foi rexeitada
Compostela, 15/06/2026 – O voto en contra do Partido Popular pechou a porta polo momento á construción dun centro de saúde no Castiñeiriño en Santiago. Ese centro de saúde fora unha das promesas electorais do Partido Popular de Santiago o que levou ao secretario socialista en Santiago, Aitor Bouza, a acusar ao voceiro popular, Borja Verea, de “traizoar” á veciñanza de Compostela.
Non é a primeira vez que esta proposta é rexeitada xa que o PSdeG xa emendara parcialmente os orzamentos da Xunta para este ano, emendas que foron rexeitadas ao igual que a proposta presentada en esta ocasión.
Aitor Bouza denunciou que, “lonxe de acatar e cumprir coa súa palabra”, o Partido Popular “votou en contra de facer ese novo centro de saúde”. Ao seu xuízo, esta decisión evidencia “unha nova incoherencia” e, sobre todo, “un novo incumprimento cos veciños e veciñas de Compostela”.
O dirixente socialista foi especialmente duro coa actuación do PP e asegurou que ese voto en contra “é unha traizón absoluta” para as persoas que precisan desta infraestrutura sanitaria, que fora comprometida publicamente polos populares.
Bouza subliñou que reforzar a atención primaria resulta imprescindible para evitar a saturación do sistema sanitario e advertiu de que contar cun bo servizo de medicina de familia contribúe a impedir “un colapso posterior nas urxencias”.
Plan de continxencia para o verán
O secretario xeral do PSdeG de Santiago reclamou tamén que a Xunta de Galicia presente de inmediato o plan de continxencia comprometido para afrontar o período estival e evitar que se reproduzan as situacións de colapso vividas nos últimos anos no CHUS.
Neste sentido, esixiu ao Goberno galego que poña “todos os medios humanos e materiais” necesarios e advertiu de que a política de “recortar camas” e “recortar persoal” provocou nos veráns anteriores imaxes que “non queremos que se volvan repetir”, con pacientes agardando nos corredores do hospital.
O deputado socialista lembrou que o Executivo autonómico asegurou no Parlamento que elaboraría un plan específico para afrontar esta situación e reclamou que “se poña enriba da mesa ese plan”, que “se demostre que existe” e que se actúe con anticipación para que “ningún veciño e veciña de Compostela e da comarca teña que padecer as inclemencias dos recortes” durante os meses de verán.
