Touro, 01/08/2026 – O Concello de Touro continúa apostando pola dinamización cultural e musical coa posta en marcha de Noites no Ulla, a edición de verán do xa consolidado Ulla Fest.
Noites no Ulla terá lugar o vindeiro venres 7 de agosto na área recreativa de Remesquide, nun enclave natural privilexiado á beira do río Ulla. O festival nace co obxectivo de ofrecer unha proposta musical de calidade durante o verán, mantendo a súa aposta polo talento galego e polas músicas urbanas.
O cartel desta primeira edición de Noites no Ulla estará formado por Lil Sam, Silee, Xián Pais, Alddara e Sote, ademais dalgún artista convidado, configurando unha programación pensada para todos os públicos.
A música comezará ás 20:30 e prolongarase ata as 02:30 horas, convertendo a contorna de Remesquide nun punto de encontro para veciños e visitantes. A entrada será gratuíta, permitindo que todas as persoas poidan gozar dunha noite de música en directo nun espazo natural único como é a ribeira do río Ulla.
Desde o Concello de Touro convídase á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a Remesquide para desfrutar dunha noite de música, convivencia e lecer, nun evento que nace coa vocación de consolidarse como unha das grandes citas culturais do verán no municipio.
