Compostela, 16 de outubro do 2020 – O concello de Santiago de Compostela ven de presentar as Noites Alternas na procura de dinámicas saudables para a mocidade.
Rubén Prol, concelleiro de Mocidade, foi o encargado de presentar este programa de lecer nocturno destinado a mocidade. As Noites Alternas ten como obxectivos establecer relacións persoais saudables e construtivas, apoiar a prevención de hábitos de consumo de alcol e drogas e xerar dinámicas críticas, participativas e creativas que poidan reverte en beneficios da xuventude e da sociedade en xeral.
O programa foi explicado por Adrián Rei, da asociación cultural e xuvenil, Itaca, que organiza as distintas accións xunto ao Concello de Santiago, a través do departamento de Mocidade. A próxima será o xoves, 22 de outubro. Teatro ás nove da noite, no Centro Xove da Almáciga; e o obradoiro “Botiquín vivo na xanela. Uso e cultivo de plantas medicinais en macetas, de oito e media a dez e meda da noite, no local de Itaca. Todas son de balde e cómpre inscribirse no formulario en liña dispoñible na web itaca.gal. As prazas son reducidas, nove por grupo, e asinaranse por orde de inscrición.
O programa pódese desenvolver, segundo sinalou o concelleiro, grazas a asociacións, equipamentos municipais, e persoas interesadas en ofrecer o seu talento e experiencia. “Todo isto reverte nun enriquecemento da oferta cultural e da cidade, e ao mesmo tempo, activa e fortalece o traballo de base das persoas, asociacións e colectivos do concello”, engadiu.
A proposta presentada, sinala Prol, continúa co traballo en rede iniciado en anos pasados, que axuda, indicou o concelleiro “a dispoñer dunha alternativa de lecer máis enriquecedora, activa e construtiva” e, ao mesmo tempo permite difundir o traballo das asociacións do concello e desenvolver e proxectar o talento e a creatividade da xuventude compostelá”.
Para apoiar este proceso, convocouse un convite para que as persoas e entidades interesadas puidesen presentar as súas propostas de actividades para ser desenvolvidas nas Noites Alternas. Presentáronse 48, de moi variada tipoloxía, o que, segundo o concelleiro, “dá boa conta do interese subscitado pola iniciativa, e mesmo da necesidade de establecer plataformas e canles para que o talento mozo poida desenvolverse e proxectarse en condicións e con calidade”. Neste momento hai 26 colectivos e asociacións implicadas no programa, con 65 persoas colaboradoras, e con 31 actividades programadas.
Dada a situación excepcional creada pola pandemia da covid-19, o Noites Alternas priorizou as actividades que facilitasen a prevención, como aquelas accións creativas para grupos pequenos e con materiais individualizados; actividades externas como xogos e roteiros; e actividades escénicas en espazos amplos e con aforos reducidos.
Rubén Prol explicou que o programa, que comezou o pasado 24 de setrembro · está tendo moi boa acollida, xa que nas dúas primeiras semanas de programación as prazas ofertadas cubríronse na súa totalidade e na maioría das actividades abríronse listas de agarda”.