Compostela, 23 de agosto do 2018 – Curtocircuíto rememora esta noite os seus 15 anos de traxectoria na derradeira Noite Curta do verán.
A Praza da Quintana acollerá ás 22h00 unha nova sesión gratuíta de cinema ao aire libre que recopila curtametraxes de toda a traxectoria do Festival que celebrará do 29 de setembro ao 7 de outubro a súa 15ª edición.. A Noite Curta inclúe pezas que reflicten a variedade de liñas de Curtocircuíto, dende a animación e a comedia ata o ensaio visual e a experimentación
Na completa escolma estará presente o lado máis lúdico e salvaxe, con filmes de ficción que xogan co humor e a mestura de xéneros como a reapropiación de O resplandor que é The Chickening ou a comedia de artes marciais Kung Fury, que se converteu na súa estrea nun fenómeno viral.
Poderán verse ademais na Quintana filmes de cineastas consagrados, como Next Floor de Denis Villeneuve (responsable de Sicario ou Blade Runner 2049), o documental A Story for the Modlins de Sergio Oksman (premiado cun Goya) ou a animación Sangue de unicornio de Alberto Vázquez (gañador xa de tres premios da Academia de Cine española). Tamén na animación, formarán parte desta Noite Curta a gañadora dun Oscar Logorama e a chinesa Missing One Player. Noutro ámbito haberá, como é habitual, un oco para a experimentación formal e narrativa máis vangardista, representada por pezas como o ensaio visual The Devil, que relata a historia do movemento de liberación afroamericano a través de metraxe atopada, ou o filme abstracto Keep That Dream Burning.
