Noia, 8 de xaneiro do 2019 – O concello de Noia ven de reunirse coa Xunta de Galicia para buscar apoios ao plan que pretende, ao longo do 2020, crear unha rede de voluntarios que permitan desenvolver un maior número de actividades.
O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Xuventude, Laura Salgado García, veñen de reunirse coa directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, para solicitar a colaboración desta Dirección Xeral na organización de esta rede de voluntarios.
“Aproveitamos o encontro para pedir a colaboración e asesoramento da Dirección Xeral de Voluntariado para crear unha rede que nos permita desenvolver un maior número de actividades e de iniciativas en beneficio dos nosos veciños e veciñas”, indica Freire Abeijón. A outra vantaxe de esta iniciativa, explican, é que sería unha forma de que persoas, tanto adultas como novas, cren ou melloren lazos coa comunidade, poñan a proba as súas capacidades, melloren os seus currículos e mesmo teñan acceso a determinados programas de formación.
Freire Abeijón apunta que “tamén solicitamos a realización en Noia de actividades e programas xuvenís, así como colaboración para a dinamización da Casa da Xuventude de Noia, onde tamén precisamos melloras nas súas instalacións”. Neste sentido, o alcalde e a concelleira fixeron fincapé na idoneidade de que se realice unha programación coordinada das actividades a levar a cabo durante 2020 entre o Concello de Noia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.