Bisbarra, 13 de xuño do 2023 – A ONU escolleu as publicacións que explican os riscos da mina de San Finx como un dos doce exemplos de materiais didácticos a nivel mundial.

Os materiais, que alertan dos riscos de San Finx para a ría de Muros Noia, forman parte dun libro editado pola Universidade das Nacións Unidas (ONU), a través do seu Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade, e o Ministerio do Medio Ambiente de Xapón.
O libro recolle as mellores prácticas educativas a nivel mundial sobre a produción e o consumo responsables (Driving Sustainable Consumption and Production at the Local Level). O traballo o realizaran no seu día a Fundación Montescola e o Observatorio Ibérico da Minería (MINOB).
Os materiais didácticos sobre os riscos de San Finx xa recibiron en 2019, 2020 e 2022 varios premios da Universidade das Nacións Unidas aos proxectos máis innovadores de educación para o desenvolvemento sustentable.
Os materiais inclúen o libro infantil ilustrado “A mina contamina”, que se traduciu xa a sete idiomas desde o seu orixinal en galego; o espectáculo de monicreques e obra teatral baseados no conto; varias unidades didácticas pensadas para distintas idades e o documental “San Finx 1960”, que narra desde a memoria das xentes de Lousame o desastre ambiental provocado naquel ano por fállaa das presas de residuos mineiros hoxe abandonadas.
Todos os materiais pódense atopar gratuitamente na web do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, centro de referencia recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, así como na páxina do Observatorio Ibérico da Minería, proxecto desenvolvido co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
Tamén tedes máis información nos seguintes enlaces
- Publicación de la Universidad de la ONU
- Materiales educativos en la web del CSS
- Materiales educativos en la web del MINOB:
