Noia, 26/02/26 – A moción de censura que levou ao cambio de goberno en Noia levou aparelladas medidas de revisión da situación municipal en distintos aspectos.
Unha das principais áreas foi a económica. Unha revisión que continuou cunha regularización de facturas e agora cun Plan Económico Financeiro para o presente exercicio.
A regularización permitiu a Noia incorporar facturas pendentes de exercicios anteriores, principalmente correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2024.

Durante os meses de xullo e agosto de 2025 rexistrouse un volume extraordinario de facturas sen consignación orzamentaria que supera o millón de euros.
Esta regularización, orientada a garantir o pagamento aos provedores e reflectir con transparencia a situación económica real do Concello, supuxo a superación da regra de gasto establecida pola normativa vixente para o exercicio 2025.
O actual goberno municipal, constituído tras a moción de censura do pasado 11 de agosto de 2026, puxo en marcha desde o primeiro momento un plan de revisión económica e control do gasto co obxectivo de ordenar a situación financeira municipal e establecer unha base sólida para os vindeiros exercicios.
O concelleiro de Facenda, Manolo Seijas, destacou que “en só catro meses levouse a cabo un intenso traballo de análise e regularización que permitiu coñecer con rigor a realidade económica do Concello.
Dende setembro xa se contemplaba a necesidade de acudir a un Plan Económico Financeiro como ferramenta técnica para garantir o pagamento aos provedores e reforzar a estabilidade financeira”.
Aínda que formalmente o Plan Económico-Financeiro iniciarase no exercicio 2026, o goberno municipal xa adoptou medidas orientadas á redución do gasto corrente, á mellora da planificación orzamentaria e á racionalización da xestión económica municipal.
O Concello de Noia reafirma “o seu compromiso coa transparencia, coa responsabilidade na xestión dos fondos públicos e coa adopción das medidas necesarias para asegurar a sustentabilidade económica da administración local”.
