O Noia Harp Fest consolídase como a cita de referencia co instrumento no noroeste peninsular e contará cunha quinta xornada de programación o 7 de agosto.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o Noia Harp Fest, deu a coñecer no Claustro de San Francisco o programa completo da súa duodécima edición, que terá lugar do 30 de xullo al 2 de agosto.
Neste 2025, o evento organizado pola promotora galega Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, sumará unha quinta xornada de concertos o xoves 7 de agosto.
Esta quinta xornada do Noia Herp Fest será moi especial xa que acollerá a Gala de Entrega do Premio Internacional Portus Apostoli de Composición, un directo especial que contará coa participación da Real Filharmonía de Galicia e con Claudia Besné e Francesca Romana di Nicola como solistas.
Estes tres nomes súmanse ás novas confirmacións como son as de Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, acompañada polas cantantes Faia e Uxía, Kevin Le Pennec, Quico Comesaña e Yofre Brito Rivera.

O Noia Harp Fest engádeos aos xa anunciados de Ana Crismán, Juliette Commeaux, Laia Blasco, Noela Cotuna, Rebecca Hill & Charlie Stewart e a banda galega D’Súpeto, liderada polo arpista José Álvarez, que se estreará como formación.
O Noia Herp Fest conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da iniciativa Concertos do Xacobeo, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
O Noia Harp Fest é unha cita moi especial tanto para as amantes da arpa como da diversidade musical. Trátase do único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento e reúne cada tempada diferentes bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes; mais sempre cunha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo.

É o caso de iniciativas como os concertos programados coa colaboración de AEDA (Asociación Española de Arpistas), que achegan a Galicia as propostas emerxentes máis destacadas do momento, ou do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.
Na primeira edición deste encontro (2023), as e os estudantes, acompañados de Rodrigo Romaní, interpretaron o Vals do mencer como homenaxe a Emilio Cao. Precisamente, o co-director do festival anunciou que fará unha pausa este verán no seu retiro como arpista e, no marco da Foliada de Benvida do Noia Harp Fest, interpretará unha suite de pezas de Emilio Cao na súa lembranza.
Un festival fiado pola arpa
O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa. Durante a celebración do festival, o público pode descubrir en directo desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países.
Neste 2025, NHF presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña -como Kevin Le Pennec, gañador do World Harp Competition 2024-, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia e que consolidan o festival de arpa como a gran referencia no noroeste peninsular.
A localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco.
Ofreceranse estreas mundiais (da man da RFG), estreas en España (Yofre Brito, Rebeca Hill & Charlie Stewart) e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións galegas (D’Supeto); pero tamén regresarán á Ría de Noia algunhas das figuras máis recoñecidas da escena, como son Ana Crismán (a intérprete máis destacada de arpa flamenca a nivel internacional), Quico Comesaña (un dos pratos fortes da programación xunto con Crismán) ou Bleuenn Le Friec, que nesta ocasión ofrecerá un concerto moi especial acompañada de dúas das voces máis sobranceiras do país: as de Faia e Uxía.
Gala de Entrega Portus Apostoli
A presentación da programación tamén deu pé a coñecer que Cuatro historias gallegas, do arxentino Federico Beilinson -obra gañadora do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli-, terá a súa estrea mundial no marco do festival. Concretamente, será nunha Gala de Entrega que se celebrará o xoves 7 de agosto no Teatro Coliseo Noela.
A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas, será quen interprete esta creación, ademais da peza Folías Celtas, mención de honra composta polo uruguaio -residente na Coruña- Gabriel Bussi.
O programa deste concerto especial, que comenzará ás 20.30 horas, completarase con pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel. As entradas para esta quinta e derradeira xornada de programación do sairán á venda proximamente.
Á vez, o co-director do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, lembrou que xa está aberto o prazo de presentación de orixinais para participar no IV Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador organizado polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, que promove a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual.
O galardón, que este ano aumenta a súa contía económica (a 4.000 euros), suporá tamén a estrea ao vivo da obra gañadora. As bases para participar están dispoñibles no espazo web www.noiaharpfest.gal
PROGRAMACIÓN 12º NOIA HARP FEST
Mércores 30 de xullo
19.00h | Santa María A Nova
Alba Barreiro & Fernando Raña
21.00h | Praza do Curro
Foliada de Benvida coa Banda do festival
Xoves 31 de xullo
13.00h | Liceo de Noia
III Encontro do Alumnado de Arpa das Escolas de Galicia
21.00h | Teatro Coliseo Noelia
D’Supeto
Kevin Le Pennec
Venres 1 de agosto
19.00h | Santa María A Nova
Noelia Cotuna (concerto en colaboración con AEDA)
21.00h | Teatro Coliseo Noela Yofre Brito Rivera
Rebecca Hill & Charlie Stewart
Sábado 2 de agosto
12.30h | Igrexa de San Francisco
El concierto secreto. Con Juliette Commeaux & Laia Blasco (en colaboración con AEDA)
20.00h | Claustro de San Francisco
Bleuenn Le Friec. Con Uxía e Faia
22.00h | Praza do Tapal
Quico Comesaña
Ana Crismán
Xoves 7 de agosto
20.30h | Teatro Coliseo Noela
Gala de entrega do III Premio Portus Apostoli. Coa Real Filharmonía de Galicia.
Sebastian Zinca, director.
Claudia Besné, solista.
Francesca Romana Di Nicola, solista.