Bisbarra, 31 de xullo do 2023 – Noia acolle desde o vindeiro xoves a décima edición do festival internacional de arpa Noia Harp Fest baixo a dirección de Rodrigo Romaní.

O Noia Harp Fest programa 9 concertos de acceso gratuíto que tocarán estilos variados que van desde o folk ata a vangarda electrónica ou a música popular. Unha programación que encherá de música lugares como a a Praza do Tapal, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou o Liceo de Noia.
Artistas de recoñecida traxectoria pasarán estes días por Noia, como a irlandesa Laoise Kelly, a alemá Daniela Heiderich, as escocesas The Pozzies ou a catalá Müsgo. Tamén outras que mostran o seu talento nas mellores orquestras da Península Ibérica e Europa, coma a portuguesa Beatriz Cortesão ou as españolas Elisabeth Cerra e Claudia Besné. Sen esquecer a agrupacións claves para a difusión da música no territorio galego, como é o caso da Real Filharmonía de Galicia ou de SonDeSeu.
Ademais de artistas notables do ámbito galego, estatal e internacional, o Noia Harp Fest acolle tamén ás persoas amadoras do instrumento ou que se están a iniciar na súa práctica, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia. Esta pluralidade e diversidade da práctica artística, así coma das orixes das e dos participantes, fan do festival unha proposta estimulante e próxima para todos públicos de todas as idades.
Programación
O 10º Noia Harp Fest dará comezo no serán do xoves 3 de agosto cunha sesión festiva na que o alumnado das escolas de arpa de Galicia abrirá, por segundo ano consecutivo, o encontro. Nesta ocasión, o estudantado renderá homenaxe a quen introduciu, por vez primeira, a arpa na música feita en Galicia, Emilio Cao, coa interpretación do seu O vals do mencer, arranxado especificamente para a ocasión. De seguido celebrarase unha foliada.
O venres 4 estará fiado por mulleres arpistas do ámbito do folk. A irlandesa Laoise Kelly, considerada a máis relevante da súa xeración, abrirá a xornada na igrexa de Santa María a Nova. Pioneira nun novo estilo de condución da arpa instrumental e recoñecida pola crítica polos seus traballos en solitario, participou na gravación de máis de 70 álbums con artistas como Seamus Heaney, The Chieftains ou Sharon Shannon.
Ás 21:00 horas, na praza do Tapal, será a quenda do dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich. Evocarán melodías de baile conmovedoras e cancións emotivas cun repertorio que incluirá tanto composicións propias modernas como músicas tradicionais francesas e alemás. A noite pecharase cunha das bandas que irromperon na escena folk nos 90, as escocesas The Poozies, e que será unha das grandes sensacións do festival pola súa gran colección de temas e melodías groovy.
O sábado 5, o Noia Harp Fest e a AEDA renderán unha homenaxe especial a Nicanor Zabaleta, considerado o mellor intérprete do instrumento, no 30º aniversario da súa morte. A cita, que terá lugar a partir das 19:00 horas no Teatro Coliseo Noela, estará guiada pola galega Alba Barreiro, que abordará vida e obra de Zabaleta. No concerto participarán dúas arpistas integrantes da Joven Orquesta Nacional de España: Elisabeth Cerra e a vasca Claudia Besné, membro tamén da Neue Philharmonie Munchen.
De seguido, contra ás 21:30 horas, xa na Praza do Tapal, terá lugar a primeira das tres estreas mundiais que haberá neste Noia Harp Fest: Hibrys, a obra gañadora do Premio Portus Apostoli e que será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia -dirixida polo galego Maximino Zumalave e coa arpista portuguesa Beatriz Cortesão como solista. O repertorio da cita tamén contará con obras de Bach e Beethoven.
A última xornada da décima edición do Noia Harp Fest comezará ás 19:00 horas do domingo 6 de agosto cun concerto da arpista, cantante e artista multidisciplinar Musgö, especialista en looping ao vivo e arpa eléctrica. O seu traballo é unha mestura de contemporáneo e vintage, cunha posta en escena atrevida e elegante que se poderá ver no Teatro Coliseo Noela.
Finalmente, o broche dourado do evento chegará da man da orquestra de folk de Galicia. SonDeSeu estreará na praza do Tapal, a partir das 21:30 horas, dúas novas composicións creadas especificamente para este concerto: serán as suites Micelio, de Anxo Pintos, que contará coa participación de Begoña Riobó, e Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que participarán Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez.
O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas. Todos os concertos serán de entrada libre e celebraranse a partir das 19:00 horas. Para máis información, pódese visitar o espazo web www.noiaharpfest.gal.
