Bisbarra, 6 de xullo do 2019 – Noia e Lousame celebraron os seus plenos de organización co que quedan constituídas por completo ambas as dúas corporacións.
Os plenos de organización asignaron no caso de Noia 4 dedicacións exclusivas e dous cargos de confianza mentres que no de Lousame a alcaldesa terá unha dedicación exclusiva e os tenentes de alcalde dúas parciais.
Noia
O Concello fixou tamén os plenos ordinarios os últimos xoves de cada mes ás 21:00 horas, o que supón un cambio con respecto á pasada lexislatura, que tiñan lugar ás 20:30 horas. Isto é así porque o grupo de Goberno aceptou unha petición da Marea de Noia para facilitar a asistencia dunha das súas concelleiras.
As áreas de Goberno quedan do seguinte xeito:
Santiago Freire Abeijón, alcalde
María Luísa Villar Ageitos, primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade
Julio Bustelo Castaño, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural e Mariño, Casco Histórico, Patrimonio, Policía Local, Seguridade Cidadá e Viaria.
José Pérez Martínez, terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Turismo e Cultura
Ángela Neri Arufe, tenente de alcalde e concelleira de Persoal, Participación Cidadá, Eventos, Emprego e Relacións Veciñais.
Juan Ramón González Oviedo, tenente de alcalde e concelleiro de Servizos e Ornato Público e Protección Civil.
Mariola López Cierto, Parques e Xardíns, Comercio e Hostalería, Promoción Institucional e Ensino.
Martín Fernández Godón, concelleiro de Urbanismo, Obras e Medio Ambiente.
Laura Salgado García, concelleira de Economía e Facenda, Deportes e Xuventude e Novas Tecnoloxías.
Dedicacións e postos de confianza
As dedicacións e os cobros por asistencia a órganos colexiados centraron gran parte do debate desta mañá. Así, o alcalde de Noia, Santiago Freire, confirmou que non percibirá dedicación exclusiva esta lexislatura, quedando conformadas catro dedicacións exclusivas de 25.662 euros brutos anuais cada unha para os concelleiros/as María Luís Villar, Mariola López Cierto, Martín Fernández Godón e Laura Salgado García.
A proposta foi aprobada cos votos a favor de PP, PSOE e Noia, e coas 3 abstencións da Marea e do BNG. Os grupos da oposición non cuestionaron nin a composición nin a contía das dedicacións, se ben coincidiron en demandar que o alcalde tomase unha dedicación exclusiva. Unhas peticións que o alcalde agradeceu, se ben lamentou que “despois se saquen panfletos aos veciños cuestionando eses soldos”.
Máis debatido estivo a aprobación da contratación de dous postos de persoal eventual para actuar como secretario/a de Gabinete de Alcaldía e asistente de Gabinete do Goberno, ambas por 22.041,62 euros brutos anuais. O acordo saíu adiante cos votos a favor de PP e NOIA, e cos votos en contra de PSOE, Marea e BNG.
O voceiro do BNG, Ricardo Suárez, cuestionou que “as funcións e requisitos deses dous postos non están ben explicados”, mentres que o voceiro da Marea, Manuel Seijas, indicou que “preferiríamos que fose alguén elixido pola cidadanía, porque non sabemos quen son”. Pola súa banda, o voceiro socialista, Sergio Campos, considerou que “estes postos deberían ser cubertos por persoal propio da casa”.
Santiago Freire explicou que “no último mandato non existiu secretaria de Alcaldía” e amosouse convencido de que esta nova estrutura “vai mellorar a atención que se presta aos veciños dentro duns gastos racionais, equiparables ou por debaixo dos de outros mandatos anteriores”.
Asistencias
Outro punto de debate foron as contías por asistencia a órganos colexiados, fixados en 150 euros para os Plenos e Comisión de Coordinación da Xestión Municipal; e 60 euros por asistencia a Comisiones, Xuntas de Goberno Local e Xunta de Voceiros. Unhas contías aprobadas cos votos a favor do PP e NOIA, a abstención do BNG e os votos en contra de PSOE e Marea.
En canto ao resto da sesión, quedaron conformadas 5 comisións informativas, cuxa periodicidade dependerá do que teñan que informar ao Pleno:
Economía, facenda, comercio, promoción económica e asuntos xerais
Medio Ambiente, medio rural, ornato, seguridade, tráfico e protección civil
Benestar, servizos sociais, igualdade, ensino, cultura, turismo e deporte
Casco histórico
PXOM (ata a súa aprobación)
Todas elas estarán presididas polo alcalde de Noia e composta por 4 concelleiros do PP (presidente incluído), 2 do PSOE, 1 da Marea, 1 do NOIA e 1 do BNG. A periodicidade da Xunta de Voceiros será mensual.
Lousame
O pleno de Lousame tivo como primeiro punto de debate a periodicidade das sesións, xa que tanto PSOE como BNG pedían que a periodicidade pasase a ser mensual. Porén, o grupo de Goberno mantivo a súa decisión de que as sesións ordinarias se celebren o último venres dos meses impares, sendo a primeira sesión desta lexislatura a do mes de setembro. Ante a petición do voceiro do BNG de que as sesións fosen mensuais “porque é a forma para que poidamos traer iniciativas os grupos políticos que non podemos levar ao plenos extraordinarios”, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, lembrou que “aquí incluso se permitiron rogos e preguntas nos plenos extraordinarios pero quedou suspendido. Non foi pola miña vontade pero así vai seguir sendo”, indicándolle ao concelleiro nacionalista que “pode presentar escritos dirixidos á Alcaldía sempre que o considere oportuno e se lle dará resposta o máis axiña posible”.
Dedicacións
O pleno aprobou, os 7 votos a favor do PP e as 4 abstencións dos grupos da oposición, tres dedicacións para o grupo de Goberno: unha exclusiva de 40.000 euros brutos anuais para a alcaldesa Teresa Villaverde e dúas parciais, de 16.800 euros para o primeiro e a segunda tenentes de alcaldesa, Ramón Martínez e Silvia Agrafojo. Unhas retribucións que, no caso de Silvia Agrafojo, non comezará a percibir ata o vindeiro 1 de xaneiro de 2020.
En canto ás retribucións por asistencia a órganos colexiados serán: 100 euros por asistencias a Pleno e 90 euros por asistencias a Xuntas de Goberno Local, Comisións, Mesas de Contratación e Xunta de Concelleiros. Unhas cantidades aprobadas cos votos a favor do PP e as abstencións da oposición.
O outro punto foi a asistencia a órganos colexiados, concretamente á Asemblea da Mancomunidade Serra do Barbanza xa que o BNG rexistrou unha emenda na que pedía que o posto fose asignado ao BNG e non ao grupo mixto, alegando que se concelleiros dos outros dous grupos se pasaban ao grupo mixto, podía perder esa representatividade. Dende Secretaría explicaron que o nomeamento do representante se debe facer nos próximos 5 días hábiles e que, de pasar o que dicía o voceiro do BNG, non poderían anular dito nomeamento, polo que entendeu que non era preciso incluír ese cambio xa que era pouco probable que nos próximos 5 días fosen abandonar os seus postos dous concelleiros doutros grupos.
Finalmente, a a alcaldesa de Lousame deu conta dos nomeamentos xa adiantados no BOP da pasada semana, como a composición da Xunta de Goberno Local cos tres tenentes de alcaldesa: Ramón Manuel Martínez Rial, Silvia Agrafojo Filgueira e José Antonio Ces Barreiro. A nova estrutura do Goberno queda organizada en 9 grandes áreas, das que Villaverde asumirá as competencias propias da Alcaldía, Urbanismo, Persoal, Economía e Facenda e Tramitación Administrativa. As outras 5 áreas de xestión serán asumidas polos tenentes de alcaldesa:
– Ramón Manuel Martínez Rial, concelleiro-delegado de Obras Públicas, Servizos Públicos, Alumeados e Telecomunicacións, Infraestruturas Viarias, Seguridade Viaria e Parque Móbil; e de Medio Ambiente, Medio Rural e Protección Civil.
– Silvia Agrafojo Filgueira, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Xuventude e Educación, á que suma as competencias en materia de Cultura.
– José Antonio Ces Barreiro, concelleira de Parques e Xardíns, Turismo e Relacións veciñais.
Pola súa banda, Ramón Figueroa Pérez será concelleiro de Medio Rural, Yésica Fernández Míguez será concelleira de Sanidade e Protección Civil, e Jesús Martínez Castro será concelleiro de Deportes, dependente da Concellería que dirixe Silvia Agrafojo.