Noia, 7 de xuño do 2019 – O alumnado do conservatorio municipal de Noia “Felipe Paz Carbajal” ofrecerá catro concertos gratuítos e abertos a toda a veciñanza dentro do programa Xuño musical 2019, o primeiro deles hoxe ás 21:00 horas na rúa do Curro.
O Xuño musical comeza cunha actuación na que participarán os alumnos da banda, orquestra e coro do conservatorio noiés, así como o alumnado do Colexio Alexandre Rodríguez Cadarso, dirixidos por Santiago García Nieto, e a Coral Polifónica de Noia.
O director do conservatorio, Dalibor Sebestik, adianta que “en total seremos unas doscientas personas haciendo música durante cerca de una hora en la que interpretaremos todo tipo de música: gallega, religiosa, clásica e incluso una pieza del musical Los Miserables”. O concerto terá lugar na rúa do Curro de Noia pero, en caso de choiva, trasladaríase á Igrexa de San Martiño.
Os outros tres concertos restantes terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Coliseo Noela e correrán a cargo dos distintos graos do alumnado do conservatorio municipal “Felipe Paza Carbajal”. Así, o venres 14 será a quenda do alumnado de grao elemental, mentres que o xoves 20 de xuño tocaralles ao alumnado de 1º, 2º e 3º de grao profesional e un conxunto instrumental. O “Xuño Musical 2019” pecharase o venres 28 de xuño cun concerto a cargo do alumnado de 4º, 5º e 6º de grao profesional e un grupo de música de cámara.
O ciclo está organizado pola Concellería de Educación do Concello de Noia, en colaboración co conservatorio municipal “Felipe Paz Carbajal” e o Coliseo Noeal. Ademais, conta co patrocinio de Clínica Juanatey, Cenor Electrodomésticos, Tucho, Recambios BLanco, Carpintería Liñares, Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Óptica Nieto, Gadis, Aluminios Severo, Pavimentos Noia e Grafinoia.