Ames, 17 de novembro do 2021 – “Nin servil nin calada. Libre” é o lema co que Ames afronta os actos de conmemoración do 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.
As actividadesarredor do 25N durarán até o 4 de decembro e están organizadas polas Concellarías de Benestar e Igualdade, Cultura, Mocidade e Turismo.
Cine, teatro, videoforum, unha “marcha contra o machismo” polo Monte Viso, un mural conmemorativo e as tradicionais xornadas “Acércate”, nas que este ano participará a escritora, debuxante e música, Lola Vendetta, constitúen o groso do programa.
O Acto Institucional do Concello celebrarase o propio 25 de novembro ás 18:30 na praza do Concello e contará coas actuacións da EMMA e da Plataforma Feminista de Ames.
¿Esto es amor?
Catro sesións de Teatro-Foro baseadas na obra “¿Esto es amor?” da Compañía aragonesa Psíare, invitarán a reflexionar e tomar consciencia sobre as relacións tóxicas que confunden o amor coa posesión.
Dúas das sesións dirixiranse ao alumnado dos Institutos de Ames e as outras dúas ao público en xeral. Os convites para as sesións libres xa están a disposición do público na billeteira municipal.
A Compañía aragonesa Psíare, dirixe esta experiencia de teatro interactivo na que o público participa co obxectivo de mudar conceptos e actitudes machistas. A través da obra os actores, que tamén son psicoterapeutas, irán presentando toda unha serie de accións para que o público reaccione e sexa el mesmo quen “reescriba ese guión” e mude as actitudes perversas que as veces se adoptan case sen que un se decate. Búscase que “o cambio se estableza precisamente a través desa toma de consciencia e ese “poñerse na pel da outra/o”, segundo o ideario da Compañía.
Para a a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo “é unha sorte poder contar no noso Concello con estas iniciativas que, aparte de anovadoras, teñen tan boa acollida entre a veciñanza”. Feijóo engade que esta é unha representación que anima e incita a reflexión, convertendo ao espectador en parte da acción e mudando a trama coas súas achegas”.
Días e horarios
As sesións dirixidas a público adulto, terán lugar o día 19 de novembro, ás 20:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o 20 de novembro, ás 20:30 na Casa de Cultura do Milladoiro.
