Bisbarra, 5 de outubro do 2023 – O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, e o concelleiro e voceiro do BNG, José Ramón Blanco, esixen da Xunta e Monbus solucións aos problemas do transporte escolar e metropolitano.
Rexedor e concelleiro mantiveron unha reunión con Judith Fontela, xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, e Lucía Castro, responsable de Relacións Institucionais da empresa de Monbus. No encontro esixiron “unha solución definitiva ás deficiencias desde hai máis de dous anos no transporte escolar e metropolitano”.
Na reunión tratáronse as numerosas queixas presentadas pola veciñanza nas oficinas do Concello de Negreira. “A maioría delas, por incumprimento dos horarios por parte de Monbus, ou pola imposibilidade de poder acceder moitos días ao autobús por estar xa completo de usuarios, obrigando aos nosos veciños a ter que desprazarse por outros medios, causando un grave prexuízo económico e moral”, explican Leis Míguez e Blanco.
Tanto a xefa territorial como a responsable de Monbus acordaron revisar todas as queixas e intentar atopar unha solución satisfactoria. O concello estuda outro tipo de medidas se a situación non mellora, como denunciar á empresa concesionaria ante a Xunta de Galicia por incumprimento contractual.