Unha concentración diante do centro de saúde demanda o mantemento do nutricionista que atendía á veciñanza do concello e da contorna
O Centro de Saúde de Negreira é un dos varios da bisbarra que veñen denunciando o progresivo abandono por parte do SERGAS. Falta de mantemento ou redución de servizos son só algunhas das queixas da veciñanza de estes municipios.

Na tarde de este xoves unha nova concentración reclamaba o mantemento do nutricionista que atendía á poboación de Negreira e A Baña. O SERGAS ven de reducir o número de estes profesionais en toda Galicia de 90 a 45.
A consecuencia de este recorte é que a veciñanza de concellos como o de Negreira ou A Baña terán que desprazarse a Compostela ou Noia para ser atendidos. Non é o único problema do Centro de Saúde de Negreira como denunciaba nun comunicado o alcalde Manuel Ángel Leis.
Unidos nas reclamacións
Á concentración, convocada polo BNG e na que participou a parlamentaria nacionalista Iria Carreira, sumouse o alcalde xa que “entende que, como alcalde, ten que apoiar todas as demandas da cidadanía ao marxe de quen as convoque”.
Les lembrou que ten presentadas tres solicitudes de reunión coa xerencia do SERGAS, ningunha das cales foi aínda contestada. Para o rexedor a perda do nutricionista “é un paso máis no desmantelamento da sanidade pública que está levando a cabo a Xunta. Pasamos de 90 nutricionistas en toda Galicia a 45, o que acudía a Negreira atendía tamén a Baña polo que o recorte e evidente”.

O alcalde lembra tamén que “o nutricionista é o último dunha larga serie de problemas. As instalacións do Centro de Saúde teñen deficiencias como a falta de espazo ou de accesibilidade pero ademais o SERGAS ten constancia de varias reclamacións relativas ao comportamento e trato do persoal que atende as urxencias”.
Leis reclama que se atendan as demandas de reunión e pide ter un Centro de Saúde digno xa que “somos capital dunha comarca moi importante, atendemos a veciños de varios concellos e queremos unha sanidade moderna e dotada con todo o necesario”.
