Bisbarra, 11 de decembro do 2023 – O concello de Negreira pechou esta fin de semana o mercadiño e acendeu as luces de Nadal para dar comezo a estas festas na vila.
A vindeira fin de semana continuará a programación de Nadal no Auditorio Afonso Eanes do Cotón. O sábado 16 terá lugar o Festival da Escola Municipal de Teatro, a partir das cinco e media da tarde. Ao día seguinte e a mesma hora será a quenda do Festival da Casa do Rock.
Unha das principais datas de este programa terá lugar o sábado día 23 xa que se celebrará o XXXI Festival do Nadal no Auditorio Afonso Eanes do Cotón. En esta edición haberá que retirar as entradas na oficina de cultura de nove e media da mañá a tres da tarde e de luns a venres.
O festival terá lugar a partir das seis da tarde. Será presentado por Lúa Ardión e Xairo Miguez. Actuará o grupo de danza Veiga do Cotón; a escola municipal de baile galego; o grupo de música Os Garuleiros; as escolas de hip hop e baile moderno de adultos de Raquel Castle; o monologuista Pablo Alvite; Acrosport Afa Cpi San Vicente; Escuela de Karate Akai Ryu e Montse Angueira, cantante.
O 31º Festival de Nadal está organizado polo concello de Negreira e a Sociedade Cultural e Folclórica “Veiga do Cotón”.