Bisbarra, 10 de febreiro do 2023 – O concello de Negreira aprobou en pleno o Plan Único Provincial que distribúe os investimentos da Deputación da Coruña en obras e gasto social.
Negreira recibirá máis de 520.000 euros do Plan Único 2023 que, entre outras obras, destinarase ao aglomerado de dous viais na DP-5604 en A igrexa (Campolongo) e en Bugallido; a humanización do núcleo de Vilaserío e o mantemento dunha pista en Rioseco; e o mantemento de diferentes pistas en Trasbarcala e Vilachán de Abaixo.

En canto á partida destina a gasto social, Negreira recibirá 88.592,44 euros que se destinarán á ampliación e dotación das axudas de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social.
O Plan Único tamén reforzará o servizo de axuda a domicilio e as axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación, destinadas á veciñanza que carezan de medios económicos suficientes.
Polo que respecta ao Plan Complementario 2023, o concello destinará 728.677 euros ao aglomerado de viais municipais na AC447-Portor e en Pedra Mámoa; a ampliación da rede de abastecemento en Padín; instalacións de aseos, vestiarios e club de tenis en Pedra Mámoa; a mellora da pavimentación das pistas de tenis de Pedra Mámoa, e a reparación do pavimento do campo de fútbol de Cepelo.
O alcalde, Manuel Ángel Leis, explica que “Todas as obras dan resposta ás demandas veciñais e ao noso obxectivo de renovar os servizos básicos e as infraestruturas do concello de forma continua”. Leis engade que “os concellos estamos en primeira liña de atención aos veciños, de aí a necesidade tamén de reforzar o gasto social”.