O grupo socialista levou a esixencia ao Parlamento de Galicia onde cualificou de “vergoñenta e insostible” a situación das instalacións do actual centro de saúde de Negreira.

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias foi a encargada de presentar ante o pleno da Cámara a petición para que a Xunta de Galicia acepte os terreos que o concello de Negreira ofrece para un novo centro de saúde.
Iglesias explicou que a veciñanza “non admiten máis escusas, nin máis silencios nin máis dilacións” diante dunha necesidade urxente pola situación “vergoñenta e insostible” das instalacións antigas
A responsable socialista acusou ao PP de “faltarlle ao respecto á veciñanza” ao rexeitar a proposta do Grupo Socialista na que pedía estas novas instalacións e que foi debatida no Parlamento.
Iglesias criticou o silencio da Xunta diante desta petición e o “desprezo” amosado polo PP ao empregar a sanidade para facer “chantaxe institucional” e advertiu: “a saúde é un dereito, e Negreira non vai calar e non se vai render porque merece un novo Centro de Saúde xa”.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de facer un “uso descarado e sectario dos recursos públicos” xunto co alcalde de Negreira, Ángel Leis, que se desprazou ao Parlamento para seguir o debate.
Denunciou o “abandono intolerable” aos veciños e veciñas de Negreira, aos que o goberno galego trata como “cidadáns de segunda” ao negarlles un Centro de Saúde en condicións. Explicou que o edificio actual ten humidades nas paredes e espazos tan reducidos que “nin unha padiola entra pola porta”, e que “non garante nin a dignidade dos pacientes nin as condicións mínimas de traballo do persoal sanitario”.
Lembrou que a situación chega a que teña que ser o propio Concello quen asuma o mantemento do inmoble, reparando as filtracións e sostendo o servizo con medios propios, mentres a Xunta “leva anos sen responder á cesión dos terreos e da titularidade para que poidan construír un novo Centro de Saúde”.
Esixiu “xustiza e igualdade de trato” para un Concello que o goberno galego ten “esquecido” porque “non é unha cuestión técnica, é unha cuestión política e partidista”.

