O concello de Negreira ven de presentar o cartel dunha das citas musicais do ano na vila, o Nicrafolk; este con Mercedes Peón como cabeza de cartel.
O Nicrafolk 2025 celebrarase o vindeiro sábado 21 de xuño no patio do Ceip O Coto. Un evento que comezarña con foliada a partir das sete e media da tarde, coa participación dos grupos locais da Escola Municipal de Pandeireta, O grupo de música tradicional Os Garuleiros e a Sociedade Cultural e Folklórica Veiga do Cotón.

Tras a foliada, sobre as nove da noite, o Nicrafok comezará coas actuacións dos tres grupos e artistas protagonistas de esta edición. A primeira e ocupar o escenario será Maricarme que actuará ata as dez da noite.
Tras este nome están tres recoñecidas caras do panorama musical galego: Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras), Cibrán Seixo (Davide Salvado, Budiño) e Migui Carballido (Zeltia Irevire). Os instrumentos acústicos (violíns, pandeiros, bouzouki…) únense á sonoridades máis electrónicas (sintetizador de baixo, pads, pedais…) creando un folk orixinal e poderoso. Maricarme viaxa dende a tradición oral ás composicións propias e presenta un concerto dinámico no que prometen facervos bailar.
Este novo supertrío do folk galego, orixinado en 2023, xa pasou por algúns dos ciclos e festivais máis senlleiros do noso panorama musical, entre eles: Festival Maré, Seráns en Feixóo, Festiletras, Castelo Conta, As Cores do Outono, Foliada da Fonsagrada…
Mercedes Peón
A partir das dez e cuarto a quenda é para Marcedes Peón e o espectáculo Ingravida. Premio Nacional á Cultura da Xunta de Galicia, Artista do ano para Folkword, Candidata a artista do ano para BBC e Radio 3, artista Top TEN na Revista Songlines son só algúns dos seus fitos.
Compositora, vocalista e instrumentista galega, Mercedes Peón é considerada como unha das mulleres máis carismáticas do circuíto da world music actual. A súa música achega unha variedade compositiva que arrinca desde a polirritmia, baixo a mirada dos ritmos máis ancestrais, culminan en temas eclécticos e descaradamente vibrantes. O seu amplo repertorio, e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller unha figura fundamental da escena etnocontemporánea en Europa.
Volve a ler e escoitar a entrevista con Merceds Peón nas nosas Músicas na Linde
Despois de afondar na tradición durante máis de 25 anos, no 2000 gravou o seu primeiro álbum, chamado Isué. Nos seus traballos posteriores Ajrú (2004) e Sihá (2007), as súas composicións levárona a unha particular atmosfera na que se achegou ao electroacústico, facendo do resultado o seu sinal distintivo dentro e fóra das nosas fronteiras.
O universo creativo de Mercedes Peón amplíase así, ao combinar artesanía musical e vangarda creativa mentres mantén o seu discurso, sempre social e feminista. Esta traxectoria fai dela unha das artistas galegas máis destacadas de comezos do século XXI.
Logo de 20 anos da estrea do seu primeiro disco Isué, Mercedes Peón ofrécenos esta xira percorrendo temas dos seus 5 discos editados en solitario, chea das influencias das recollidas de campo que fixo durante 25 anos polas aldeas, dos traballos cinematográficos ou para danza. Este concerto está acompañado polos grupos de pandeireteiras Raigañas, Xirifeiras, por voces de ConcertoTempo, polo dúo Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut e Ana Fernández.
A cabalo do acústico e da electrónica, Xira Ingrávida é unha festa de celebración desta efeméride e unha homenaxe a persistencia da creación colectiva, que é un xeito de mirar o mundo.
Os Carunchos
Desde as doce menos cuarto da noite, aproximadamente, actuarán Os Carunchos. Un grupo nado a finais do 1994 coa idea de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, conseguindo naquel momento unha formación nova e orixinal coa que Os Carunchos participan nos máis importantes festivais folk do país.
Os Carunchos renden homenaxe ao poeta Manuel María musicando unha selección dos seus poemas. Ao tempo que celebran o seu 30 aniversario neste 2024, Os Carunchos celebran tres décadas de música en galego co gran Poeta da Terra. Deste encontro prodixioso entre a música e a palabra xorden trece temas, “unha gorxa chea de paxaros” e de versos, cos que celebrar a longa vida dunha das bandas fundamentais da música tradicional galega.