Bisbarra, 8 de marzo do 2024 – O concello de Negreira celebrará o centenario do nacemento do filólogo Xosé Luís Pensado cun simposio o vindeiro día 15.

Pensado naceu en Negreira en 1924. Exerceu como docente na Universidade de Madrid e como catedrático de Filoloxía Románica e de Filoloxía Galaico-Portuguesa, nas Universidades de Oviedo e de Salamanca. Está considerado o máximo especialista mundial na figura do frade sabio e ilustrado do século XVIII, P. Martín Sarmiento.
Para celebrar o centenario o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en colaboración co concello de Negreira, preparou un simposio de conferencias dedicado á súa vida e obra, a celebrarse entre Santiago de Compostela e Negreira, o venres, día 15 de marzo de 2024.
A xornada comezará ás nove e media da mañá na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, con representantes da USC, a Real Academia Galega, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Negreira e da organización do simposio.
A partir do acto de apertura pronunciaranse as seguintes charlas:
10:00 horas – “A contribución de Xosé Luís Pensado ao coñecemento do Padre Sarmiento”, por Henrique Monteagudo Romero.
11:00 horas – “Unha visión de Pensado na Universidade de Salamanca”, a cargo de Alexandre Guerra.
11:30 – Pausa
12:15 – “X. L. Pensado e as súas ideas sobre a gueada”, a cargo de Ramón Lorenzo Vázquez.
13:00 – “A obra de Xosé Luís Pensado Tomé (1924-2000), na constitución da lingüística galega moderna: datos, reflexións e lembranzas”, por Xesús Alonso Montero.
Pola tarde as conferencias trasladaranse ao Auditorio da Casa da Cultura de Negreira coas seguintes temáticas:
17:45 horas – “No centenario do nacemento de Xosé Luís Pensado Tomé”, por X. Amancio Liñares Giraut.
18:15 horas – “D. Xosé Luís Pensado Tomé: Galicia desde Salamanca”, por Xosé Luís Axeitos.
A xornada rematará ás oito da tarde coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa natal do profesor Xosé Luís Pensado Tomé, na rúa do Carme.
Desde o concello informan tamén que haberá un servizo gratuíto de autobús para os desprazamentos: Santiago – Negreira – Santiago.