Negreira, 17 de agosto do 2020 – Negreira acollerá o vindeiro día 22 un dos concertos da xira Immersión de Guadí Galego, será no marco do ciclo As nosas músicas.
Guadi Galego actuará a partir das dez da noite na Praza das Brañas e estará ademais acompañada polas cantareiras As Maianas.
A cantante é unha das artistas máis relevantes do país, froito dunha carreira musical que a de Cedeira comezou coma solista, pianista e gaiteira dunha banda como Berrogüetto. Continuou a súa traxectoria con Espido e Nordestin@s ata emprender a súa traxectoria en solitario, a partir do ano 2009.
Guadi Galego interpretará temas do seu último traballo “Immersion” (Boa Records, 2019), una homenaxe ás linguas que se falan na península Ibérica como un canto á diversidade e a tolerancia, no que canta en sete idiomas. Este traballo inclúe once versións de temas xa publicados de Guadi e unha canción inédita. O disco conta con varias colaboracións con outros cantantes como Iván Ferreiro ou Andrés Suárez.
Entre os últimos recibidos destacan o Premio da Crítica de Música Galicia 2015, o Premio Martín Codax 2016 en canción de autor ou o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020, concedido por “Immersion”.
As Maianas
Este grupo de cantareiras ten o seu xérmolo no Obradoiro de baile e música tradicional do Concello de Ames. No ano 2007 crean a formación actual e catro anos despois editan o seu primeiro traballo “Como canta”.
Ao longo da súa traxectoria musical acadan varios premios musicais, coma no concurso de Novos Valores promovido polo Festigal. No ano 2019 sae á luz o seu último traballo “De Trisca”, un CD feito con moito mimo e cariño nas pezas que o compoñen.
