Bisbarra, 23 de agosto do 2022 – Negreira presentou este luns a XV Feira do Románico, unha cita que terá lugar no municipio do dous ao catro de setembro próximos.
A Feira do Románico é unha das citas clásicas do final do verán. Despois duns anos complicados por distintas circunstancias, e do parón motivado pola pandemia, o evento recuperou o ano pasado o seu pulo e busca este 2022 consolidarse e crecer.

A presentación correu a cargo do alcalde, Manuel Ángel Leis, que estivo acompañado polas concelleiras Teresa Duro e Mar García. Leis explicou que a intención e ser cada vez máis fieis á recreación histórica e crecer en numero de visitantes cunha oferta de actividades cada vez maior.
Á espera de que se coñeza o programa definitivo o alcalde avanzou que a Feira do Románico recupera o espectáculo de cetrería. O torneo medieval e a ambientación musical polas rúas tamén forman parte do programa. Acróbatas, un recuncho específico para os máis pequenos e o espectáculo pirotécnico completarán o programa.
Negreira encherase eses días co mercado de artesanía e desde o concello ofrecerase á cidadanía a posibilidade de alugar traxes de época. Os postos de gastronomía axudarán tamén a ambientar as rúas do concello.
Manuel Ángel Leís explicou que “A Feira do Románico supón un importante pulo económico para a nosa vila, como atractivo turístico e que repercute en todos os sectores económicos”. Desde o concello anímase á veciñanza e aos comerciantes a decorar os balcóns e os establecementos.

“Aproveitamos tamén para pedir desculpas e comprensión á cidadanía, polos posibles prexuízos que a Feira poida ocasionar, como o corte de rúas”, recordou o rexedor, quen fixo fincapé no reforzo da seguridade nestes días de celebración.
