Bisbarra, 27 de agosto do 2024 – A XVII Feira do Románico de Negreira ábrese este venres, a partir das seis da tarde, con espectáculos de lume, pasarrúas e música como ingredientes principais.
A Feira do Románico foi presentada días atrás en Ponte Maceira. Trátase do evento que abre setembro e acolle a milleiros de persoas cada ano en Negreira. A apertura será o venres as seis da tarde pero a inauguración oficial terá lugar o sábado as doce do mediodía por parte do alcalde, Manuel Ángel Leis, e a corporación municipal.
Coma sempre os espectáculos de lume son unha das citas máis esperadas. Poderanse ver tanto o venres 30 como o domingo día 1 as dez da noite, e o sábado 31 as 11 da noite na Praza do Cotón. O sábado a partir da medianoite haberá ademais un espectáculo pirotécnico.
Outro dos momentos máis interesantes son as loitas de cabaleiros que terán lugar o sábado 31 no Campo da feira a partir das oito da tarde. Este ano ademais, diante do IES Xulián Magariños, terá lugar un Torneo Medieval o domingo día 1 a partir das doce e media do mediodía e que se repetirá as oito e media da tarde.
A música é outra das partes importantes da Feira do Románico. O concerto central terá lugar a cargo de The Duellist, o venres 30 as once da noite. Ao longo dos tres días de forma itinerante e en distintos momentos Turdión Medieval e Skaldir acercarán os sons daquela época ás rúas de Negreira.
Tres días para desfrutar da Feira do Románico e de Negreira, un bo xeito de despedir o verán ou, para algúns, comezar as vacacións. Unha das citas imprescindibles na bisbarra.