A obra, da compañía Söa, é o resultado dunha residencia artística en Negreira e estrearase o vindeiro venres nove de maio. Unha peza que xira arredor da perda da xuventude.
As residencias artísticas son un recurso que nos últimos anos serven aos concellos para acoller estreas e tirar partido das súas infraestruturas culturais, en moitos casos paradas máis tempo do que sería desexable.

En Negreira a compañía Söa estivo nos últimos meses facendo unha residencia artística que deu como resultado “Coa cabeza nas nubes”. Unha obras que se estreará no auditorio Afonso Eanes do Cotón, o vindeiro venres 9.
O primeiro pase na axenda está programado para as 12:50 horas e está dirixido a estudantes de 2º e 3º da ESO do IES Xulián Magariños. Pola noite, ás 21:00 horas celebrarase a función para o público xeral.
A peza explora o paso do tempo e a perda da xuventude a través dunha linguaxe artística que mestura danza, clown e música. Abórdanse temas universais como o xogo, a memoria e o esquecemento desde unha perspectiva que pretende conectar co público xuvenil e adulto.
A representación é un traballo conxunto da bailarina, artista circense e coreógrafa Paula Quintas, coa asesoría de Arturo Cobas. Unha obra creada e interpretada por Martín Blanco e Carlota Rosón e dirixida por Paula Quintas.
A asesoría artística é de Arturo Cobas, a creación musical de Elba Souto, a iluminación de Violeta Martínez e a fotografía de Catarina Lobo.
As entradas están á venda en www.woutick.es ou na Delegación de Cultura. Prezo: 2,50€