Negreira, 28 de xaneiro do 2022 – O Grupo Socialista do Parlamento de Galicia leva á sesión de hoxe o exceso de proxectos eólicos no concello de Negreira.
O portavoz socialista de Industria, Martín Seco, presentará na Comisión de Industria e Enerxía unha proposición non de Lei para que o Parlamento de Galicia amose o seu rexeitamento ao exceso de proxectos eólicos no concello de Negreira.
A proposición insta ademais á Xunta de Galicia a elaborar un novo Plan Sectorial Eolico pactado cos sectores e concellos afectados e pide que o Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta manteña a reunión solicitada polos alcaldes/esas de Negreira, A Baña, Mazaricos, Outes e Santa Comba para falar da problemática que carrexará a instalación de numerosos parques eólicos nos territorios rurais.
Demandan repetidas
As queixas polos eólicos foron a máis nos últimos meses. No mes de setembro pasado o concello de Negreira aprobaba unha resolución que instaba á Xunta a modificar o Plan Eólico de Galicia.
En outubro tivo lugar unha manifestación polas rúas de Negreira, na que participaron colectivos de toda Galicia, que denunciaba os perigos de estes proxectos. Os participantes explicaron que, de darse todos os proxectos eólicos tramitados pola Xunta e polo ministerio, sumados aos existentes, chegaríase aos 800 megavatios. Unha potencia que equivale a que tiñan Asturias e o País Vasco xuntos no ano 2019. Todo nunha superficie moi inferior aos 17.000 m2 que cobren as dúas comunidades.
Ademais de este claro exceso de potencia, que demostra que os proxectos superan a lóxica, concellos e asociacións denuncian as consecuencias para o medio. Perda de humidais e biodiversidade, impacto paixasístico ou prexuízos directos para os veciños máis próximos.