Bisbarra, 14 de setembro do 2022 – O concello de Negreira ven de nomear ao auditorio do Centro Sociocultural como “Afonso Eanes do Cotón” en homenaxe ao trobador.
O cambio de nome ten, ademais, o obxectivo de poder diferenciar o Auditorio do Centro Sociocultural, agora auditorio “Afonso Eanes do Cotón”, do existente na Casa da Cultura.
A proposta foi aprobada en pleno por unanimidade. Afonso Eanes do Cotón é o persoeiro máis relevante na historia de Negreira. Foi un trobador e nobre, nado en Negreira no século XII e activo nas cortes de Fernando III e Alfonso X. Finou en 1266 acoitelado por outro trobador, Pere da Ponte, en Ciudad Real, onde ten unha rúa co seu nome.
Da súa obra consérvanse arredor dunha vintena de textos, entre eles, quince cantigas de escarnio e maldicir, e dúas de amigo. Foi a súa, unha obra esencialmente satírica.
En Negreira posúe unha rúa co seu nome, e unha asociación cultural leva o nome do insigne trobador das terras barcalesas. O Concello empregou a súa figura en cerámica de Sargadelos para obsequiar aos seus visitantes máis ilustres.