Músicas na Linde, 14 xuño do 2022 – SonDeSeu está celebrando vinte anos de traxectoria e pecha a xira de aniversario en Compostela o vindeiro día 18. Un dos fundadores foi Alfonso Franco e con el imos a falar.
Franco é profesor de violín folk na ETRAD de Vigo. Impulsor do Galicia Fiddle, unha asociación que promove o uso dos instrumentos de corda de xeito alternativo e realiza cada ano un campamento en torno ao violín na illa de San Simón. Profesor tamén en cursos de verán en California da man de Alasdair Fraser’s , un dos maiores referentes da música celta.
Pero Alfonso ten ademais unha relación moi especial con Compostela. Durante uns anos foi o xerente dun local mítico a mediados dos noventa: A Casa do Patín. Comezamos a conversa pregunta por aqueles tempos e polos recordos que garda “uns anos moi tolos nos que aprendimos moitísimo”
Sondeseu comezou como un experimento co que as distintas formacións do conservatorio da Universidade Popular de Vigo (hoxe ETRAD) podían practicar e tocar xuntas. Anxo Pintos e Rodrigo Romaní compuxeron dúas pezas que resultaron ser un éxito
Un experimento que non deixou de crecer ata hoxe en día. Medrou en membros e tamén en calidade. Na actualidade a complexidade da montaxe de cada concerto limita incluso os movementos dunha formación que se pode considerar unha verdadeira orquestra
Esa característica de orquestra folk fai que a composición, ou os arranxos, sexan unha das maiores dificultades. Non hai precedentes e a disparidade nos instrumentos non axuda así que se trata dun traballo innovador ao cen por cen
Vinte anos dan para moitas anécdotas pero preguntamos por algún concerto especial. Alfonso Franco lembra con moito cariño a primeira viaxe a Irlanda. Foi en aquel momento cando se decataron da repercusión que podía ter fora o que facían, mesmo do potencial da música galega máis alá das nosas fronteiras
Un concerto moi especial
A veterana orquestra repitirá en Compostela o formato acústico sen amplificación que tan boa acollida tivo de público e crítica nos concertos previos de Vigo, Lugo e A Coruña. Esta singular proposta está concibida como un convite para compartir cos asistentes a experiencia de asistir a un ensaio de SondeSeu e experimentar a mesma sonoridade que teñen os 60 integrantes da orquestra cando tocan ao natural.
Alén diso, no transcurso do concerto vanse proxectar vídeos creados ex professo para esta xira co gallo de celebrar dúas décadas de actividade a prol da música galega.
A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.
Entradas
SonDeSeu estará o sábado 18 de este mes no Auditorio de Galicia. As entradas poden mercarse no seguinte enlace.