Aríns (Compostela), marzo do 2023 – Falar con Ruxe Ruxe é conversar cun dos referentes do rock en galego, pola súa dilatada carreira pero sobre todo pola consideración e respecto que todos os músicos lle profesan.
Este sábado día 25 presentan o novo traballo “Unha noite no interior dunha faisca” na Sala Capitol de Compostela, unha razón tan boa como calquera outra para conversar con eles.
Achegámonos ao centro neurálxico de este grupo, o seu local de ensaio na parroquia compostelá de Aríns. Alí naceu Ruxe Ruxe e alí seguen traballando e debullando cancións disco a disco.
No local están Vituco, Xulia, Barbas e Iago, e esperamos a Xaquín e Xan. A conversa comeza aí, no principio, cando ese local no que estamos era unha corte. Vituco lembra aqueles primeiros tempos e mostra, co que di, que o grupo está unido a ese lugar dun xeito moi especial. Recoñece que senten sempre que nunca conseguen soar como soan alí
O local é unha illa nun mar que é a aldea. O pobo, o local, é unha constante nos discos de Ruxe Ruxe. Un non pode pensar en eles nunha gran cidade; seguen sendo os cativos que saían a xogar polas corredoiras. Esa proximidade coa aldea chegounos a manter no principio; vendían 400 discos sen saír da contorna de Aríns, mesmo a xente que non tiña reprodutores
Aqueles pasos do rock galego pola década dos 90´tiñan como inspiración os pobos nos que se criaran os músicos e nos que aínda vivían. A aldea, que segue presente, foi fonte da que beberon aqueles primeiros temas pero tamén un elemento diferenciador diante de outras tendencias
Ruxe Ruxe foron espectadores privilexiados da evolución da música galega. Unha extravagancia que acabou por converterse no mundo que hoxe temos. Do rock e o folk en galego a atopar case que calquera estilo musical no noso idioma. Preguntámoslles por como o viviron e quedámonos cunha frase que di Barbas na conversa “xuntar o inesperado”.
Non son amigos de traballar fora. Gravaron un disco en Euskadi e outro en Madrid pero prefiren facelo en Galicia. Agora moito do material xa sae directamente do local de ensaio. Pero hai unha historia que merece ser contada, a de cando un dos seus discos foi masterizado en Estados Unidos por Tom Baker.
“Unha noite no interior dunha faísca” é o novo disco que presentarán este sábado 25 na sala Capitol de Compostela. Un álbum que soa coa rabia que un podía escoitar nos primeiros oitenta. Cóntannos que o grupo está moito máis coordinado, que se trata dunha produción moito máis madura. Ao mesmo tempo segue soando a Ruxe Ruxe e ademais foi gravado despois de que as cancións foran tocadas xa en directo.
O disco ten moitas lecturas e hai que escoitalo con calma, desfrutalo. Máis hai un tema polo que non nos resistimos a preguntar. Un grupo que leva facendo rock en galego máis de 25 anos publica “autoodio”, unha peza que fala da gran cantidade de prexuízos que atopamos cada dia arredor do galego pese a todo o avanzado
Ao final conseguimos que Xulia fale un pouco. O primeiro clip “Vaia onde vaia” a ten como vocalista pero ademais é a baixista do grupo, “unha moi boa baixista” apuntala Vituco. Esta é unha pequena entrevista dentro da entrevista
Ruxe Ruxe son parte da historia musical galega. Manteñen o mesmo sabor que cando comezaron e foron conseguindo unha nutrida corte de seguidores que os apoian “vaian onde vaian”. Falar con eles, e no seu local, é un luxo porque desfrutan da conversa tanto como da música.
Si hai algo que os define é honestidade. Teñen esa dignidade da xente da aldea que sabes que non te fallarán, polo menos querendo. Unha dignidade e honestidade que transmiten nos seus concertos, algo que poderemos ver e desfrutar o vindeiro sábado en Compostela.