Quinkillada
Comezamos pola banda morracense Quinkillada que estreou o clip Derradeira Canción, en colaboración con Grande Amore e Capital Voskov. O grupo auto produce dende Marín o vídeo do mesmo, representando a lembranza e a nostalxia do vivido nunha relación, pero tamén a necesidade de ter que pasar páxina.
Tanto na gravación do tema como do propio videoclip, a sintonía entre as tres agrupacións foi moi boa, o que facilitou enormemente o traballo en conxunto, optimizando o tempo ata o punto de gravar o audio no estudo pola mañá e pola tarde o videoclip.
Lumedoloop
Hai pouco presentabamos en Músicas na Linde a Lumedoloop, pouco despois presentaban un novo single titulado Non Traio Un Laio, o terceiro adianto do seu álbum (Re)existencia.
O tema constitúe un manifesto musical contra a submisión lingüística, presentado como resposta artística á crise demográfica que atravesa a lingua galega. Con Non Traio Un Laio, Lumedoloop reafírmase como unha voz necesaria nun tempo de urxencia cultural: un proxecto que converte o rap nunha ferramenta precisa para o compromiso artístico.
Vimbio
Baixo o nome de Seres de luz, a banda galega Vimbio publica novo sinxelo do que será o seu primeiro disco de longa duración, pechando así un ano 2025 no que se viviu o despegue do proxecto, con diversos lanzamentos de cancións, as colaboracións con Hugo Guezeta ou Nadie González e concertos por toda Galicia. Desta maneira asentan as bases de cara a un ano 2026 que se prevé incluso mellor, co lanzamento do seu primeiro traballo de longa duración, o anuncio da súa xira que arrincará en salas galegas e moitas máis actuacións por anunciar.
Seres de luz xira entorno a ser un mesmo, sen deixar que as opinións alleas te gobernen. O tema critica como algunha xente é capaz de escudar na corrección política para atacar a alguén por motivos persoais, agochando comportamentos hipócritas e pouco consecuentes.
Xiro
O trío compostelán Xiro acaba de lanzar nas plataformas dixitais unha invitación a unha viaxe sonora pola nosa música tradicional. O seu primeiro EP leva, en cada unha das cinco paradas que compoñen o disco, a ritmos e melodías que chegaron ao presente a través dunha longa cadea de transmisión oral.
Esta é só unha pequena xanela coa que achegármonos ao mundo tan rico e vivo da nosa tradición.
