Músicas na Linde, 24 de novembro do 2023 – Cunha rolda de prensa no bar O’16 as Leilía despedíronse anunciando unha última xira e a publicación dun último disco.
Leilía nace no ano 1989, da man de seis mulleres: Felisa Segade, Montse Rivera, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez, que cunha aposta pioneira e atrevida, se propuxeron recuperar do esquecemento a tradición oral galega.
Elas foron quen de levar por primeira vez aos palcos un espectáculo que, ao son de pandeiretas e voces, e na compaña de instrumentos da vida cotiá coma latas, sachos, tixolas… tal como se facía nas aldeas galegas cando se xuntaban as mulleres para se divertiren.
Leilía foron tamén as primeiras que rescataron parte da tradición oral galega do esquecemento e a subiron aos escenarios. Pronto agromaron os froitos desta aposta precursora grazas á singularidade e beleza da música de raíz.
As integrantes de Leilía explicaban así os seus comezos no transcurso da rolda de prensa
Anque me vou non me vou
Máis de tres décadas despois de aquel comezo Leilía dan por concluída a súa xira por palcos e auditorios. Atrás queda ese intenso traballo de recollida e investigación na procura de letras e melodías que demostraron o indispensable labor das mulleres galegas como creadoras, intérpretes, conservadoras e transmisoras da riqueza oral e musical deste país.
Este domingo despídense para sempre de Ferrol presentando o seu espectáculo final “Anque me vou non me vou” e o que será o seu último disco “Vidas Cantadas”. Deixan tras de si un ronsel de novas xeracións de mulleres e homes que con pandeiretas, latas, sachos e tixolas, e tamén sintetizadores, pedais e loopers manteñen o mesmo espírito de defensa e orgullo dunha cultura común que sae e bebe da terra.
Non será o único concerto xa que escolleron varias datas e cidades do norte e do sur galego para que todas e todos os seus seguidores se poidan achegar a “botar a última”. Así nace a xira “Anque me vou non me vou” xira de despedida na que tamén presentarán o que será o seu último disco “Vidas cantadas”, unha aposta integral, un proxecto no que cadran orixe e fin.
Na presentación da xira explicaban o nome da mesma e como evolucionou a valorización da música galega desde que elas comezaron
Esta xira dará comezo este domingo ás 20:00 h en Ferrol, no teatro Jofre, onde se atoparán co seu público para compartir momentos que quedarán para sempre nas súas memorias.
Entradas de balde no propio teatro en horario de mércores a venres de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas, sábado pola mañá de 11.00 h a 13.00 h e o domingo pola mañá de 11.00 h a 13.00 h e pola tarde dende dúas horas e media antes do inicio do concerto.
Os seguintes concertos serán o 2 de decembro en Pontevedra, o 7 de xaneiro na Coruña e o último o 13 de xaneiro en Santiago.