Músicas na Linde, 29 de novembro do 2023 – Os Dios Ke Te Crew, DKTC, cumpren vinte anos e o celebran esta fin de semana en Compostela coa publicación dun disco, fancine, e cunha festa en dúas salas, Capitol e Malatesta, que vai das sete e media da tarde ata as cinco da madrugada.
Vinte anos dan para moito e máis con DKTC. Non é só a música, é tamén a actitude, todo o traballo que realizan nas beiras do grupo (o libro de Jamas, o colectivo Mutante Creativo, os discos de Sokram…) e por suposto o compromiso cunha forma de ser e de existir.
Falamos con Sokram e Mou que son parella de feito en Mutante Creativo e reputados membros de DKTC. Conversamos de todo, do bo e do malo, e comezamos preguntándolles que é para eles DKTC
Sokran
Mou
DKTC son un xeito de ser que deixaban non hai moito nun tema titulado OG (original galego) que gravaba con Boyanka Kostova. Unha actitude que se mantén desde o principio pero que se foi actualizando e definindo.
Cando DKTC comezou eran uns pioneiros, o hip hop en galego era pouco máis que unha intención. Vinte anos despois non só acadou unha personalidade propia se non que fusionase co resto das músicas que se fan en Galicia. Preguntamos por como viviron esta evolución, esta viaxe.
Ao longo de este camiño DKTC fixo moitos amigos e ao mesmo tempo conseguiu o respecto da profesión. O concerto Tremendos anos vinte contará con algúns dos mellores músicos do país. Desde Vituco Neira, dos Ruxe Ruxe, ata Malandrómeda, Boyanka Kostova, Ortiga e Grande Amore ou Rebeliom do Inframundo. A isto hai que sumar a edición dun disco de remix con 20 produtores distintos e imaxes do mellor da cultura do grafismo e a arte urbana.
Non podemos deixar de falar da parte gráfica de Mou e Sokram. Os dous forman Mutante Creativo e organizan ademais, entre outras moitas cousas, o Desordes Creativas que foi, probablemente, o primeiro festival de arte urbana de Galicia. Unha vertente que forma parte tamén do grupo, nunha época chegaron a levar grafiteros aos concertos que pintaban mentres eles tocaban.
A DKTC quédanlle moito por facer e preguntamos por iso, polo futuro inmediato que, polo que nos contan, está cheo de proxectos.
O mellor de DKTC é que son boa xente. Tanto como músicos como na faceta gráfica sempre están dispostos a botar unha man. A implicarse nunha nova causa ou simplemente a contar nunha canción, nun mural, unha reivindicación ou un desexo.
Máis alá de lemas de supermercado está o auténtico OG e eles sen dúbida representan moito do que hai en Galicia. No rural galego (recomendable escoitar reiniciar), nas paredes dos jalpóns ou nas fachadas das vilas, nas praias ou nos ríos.
DKTC son reflexo da evolución da nosa terra. Da vella escola ata o caldo cultural, nunca mellor dito, que ferve hoxe en Galicia.