Compostela, 24 de Nadal do 2017 – A Xunta apoia a Asociación de Amigos da Banda de Música de Santiago na organización da xornada profesional A música no século XXI, que terá lugar o 12 de maio de 2018 na Cidade da Cultura de Galicia.
A música no século XXI será un encontro multidisciplinar, inserido no programa co que a asociación conmemora o 170º aniversario da formación compostelá, contará coa participación de destacadas personalidades do sector a nivel estatal para reflexionar sobre a súa situación actual e abordar os seus retos máis inmediatos.
A xornada foi presentada coas intervencións de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Javier Loira, presidente da Asociación de Amigos da Banda de Música de Santiago de Compostela; e Ramón Castro, en representación dos músicos desta formación. Durante o acto, soaron ademais as pezas Fanfare, de Paul Dukas, Danzas renacentistas, de Tylmann Susato, e Classical Medley, de Jeon Hun, interpretadas por un quinteto de metal de músicos da banda.
O director da Agadic enmarcou o apoio da Xunta de Galicia a esta iniciativa no traballo que se vén desenvolvendo desde a Consellería de Cultura e Educación a prol deste tipo de agrupacións, no que se insire así mesmo a colaboración continuada coa Federación Galega de Bandas de Música Populares.
Subliñou igualmente a relevancia dunha efeméride como a que celebra a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e que a asociación tamén ten previsto conmemorar con outras actividades.
Declaración multidisciplinar
En canto ao programa da xornada A música no século XXI, Jacobo Sutil explicou que o seu principal obxectivo é “redactar e aprobar unha declaración multidisciplinar que afonde nos aspectos legais, docentes, artísticos e, sobre todo, de sustentabilidade actual e futura das bandas de música”.
Contarase para tal fin con figuras tan destacadas como o compositor Antón García Abril, o director de orquestra e tamén compositor José Rafael Pascual Vilaplana ou o director artístico do Teatro Real de Madrid, Joan Matabosch.
Participarán, ademais, representantes políticos e institucionais, así como recoñecidos profesionais doutros sectores, para abordar desde múltiples perspectivas as principais cuestións que lle afectan ao sector: o marco lexislativo, a educación, a sustentabilidade social e económica, o papel das administracións ou a saúde laboral, entre outras.