O seu nome non deixa lugar a dúbidas, é o lugar que mellor reflicte o que foi a historia de Galicia e onde podemos atopar moitas das tradicións da nosa terra. Acompáñanos na visita Manuel Vilar, moito máis que un simple técnico e que non pode ocultar o agarimo que sente polo Museo do Pobo Galego.
O proxecto abre as súas portas en 1977, un ano despois de que unha serie de persoas decidira crear unha asociación chamada Padroado do Museo do Pobo Galego. Tratábase de crear un museo antropolóxico e etnográfico que recollese a historia de Galicia que non sae nos libros, a dos oficios, a da xente que traballa no campo ou no mar.
Aínda que este foi o comezo físico a idea da súa creación nace a finais do XIX e principios do XX, cando os primeiros galeguistas pensan en crear un museo ao estilo do que teñen todas as grandes nacións, Francia, Alemaña ou mesmo España. A filosofía de ese espazo seria a dun lugar no que ver o que é Galicia e o que quere ser. Nos anos 20 nace o Seminario de Estudos Galegos en cuxo seo Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas, comeza a reunir unha pequena colección; pero no 36 a guerra civil paralizou calquera actividade ademais de acabar, destruídos ou roubados, con moitos dos obxectos que se gardaban
No 76 algúns daqueles intelectuais do Seminario como Antón Fraguas, Filgueira Valverde ou Xaquín Lorenzo retoman o proxecto. Precisamente Xaquín Lorenzo sería ao cabo o primeiro director do Museo e quen marcou a primeira liña de traballo da entidade apoiada nos seus estudos etnográficos sobre os apeiros de labranza e a cultura material galega.
O Museo é unha entidade privada que vive do que achegan os seus socios e das axudas da administración, son os socios tamén os que van cedendo ou achegando material á colección que se nutre tamén de doazóns de particulares.
Na actualidade o Museo acolle exposicións permanentes sobre o mundo do campo e do mar e outras temporais de distintos tipos; a falta de axudas impide abrir novas salas que se centrarían un pouco máis na historia urbana de Galicia. A entidade conta tamén con distintas bibliotecas cedidas por personaxes como Antón Fraguas, Baltar ou Taboada Chivite ademais dunha propia na que se gardan unha gran cantidade de fondos de todo tipo, non so libros se non tamén documentos, revistas ou xornais.
O edificio foi unha concesión do concello de Santiago; construíuse como convento dominico no século XIII e foi reformado posteriormente por Domingo de Andrade, mestre barroco. Tal vez a súa peza máis característica sexa a tripla escaleira de caracol que se converteu nun signo de identidade e que recibe visitantes de todo o mundo. O edificio necesitaría unha reforma pero as axudas non chegan; a Xunta conta cun proxecto presentado polo padroado no 2008 que se quedou obsoleto e que, en todo caso, tampouco parece que haxa intención de acometer.
O Museo do Pobo Galego sofre tamén esta crise pero segue conservando a nosa historia e a nosa personalidade, de nós depende que o siga facendo.