Compostela, 10 de maio do 2024 – “Outras historias posibles” chega ao Gaias para reivindicar o traballo de artistas galegas da década dos oitenta, non suficientemente valoradas no seu tempo.
“Outras historias posibles” celebra as traxectorias de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré como exemplos da diversidade creativa na arte contemporánea. Unha mostra que estará no Museo Centro Gaias desde finais de maio.
A mostra reúne unha ampla escolma de estas artistas co obxectivo de celebrar o seu talento e definir o espazo temporal da súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.
Comisariada pola docente, investigadora e crítica de arte Susana Cendán, “Outras historias posibles” pon o foco nestas seis mulleres pola relevancia de seu que ocuparon no seu día na arte contemporánea, pero tamén pola diversidade da súa obra e dos relatos que a acompañan.
Historias nas que os roles de xénero, as estruturas sociais e educativas ou as tendencias e modas que priman determinados tipos de produción artística sobre outros, incidiron na visibilidade das súas traxectorias, ata o punto de chegar a abandonar a creación en favor doutras saídas profesionais, como é o caso da viguesa Laura Terré.
A Cidade da Cultura acolle este proxecto co fin de sumar, a partir do seu exemplo, relatos que engadan novas perspectivas de valor para enriquecer a narrativa dominante dentro da historia da arte. Un discurso onde as mulleres seguen relegadas con frecuencia ás marxes e notas ao pé por motivos alén da súa calidade.
O espazo expositivo incluirá unha ampla mostra de pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas que permiten apreciar a traxectoria destas seis artistas, todas elas nacidas na década dos 50 do pasado século XX. Esta escolma compleméntase con entrevistas gravadas nas que son elas mesmas as que dan conta das súas inquedanzas vitais e profesionais.
A comisaria: Susana Cendán
Susana Cendán é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid. Na actualidade exerce a docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, no Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda e no Grao en Deseño da Universidade de Vigo.
Xunto coa docencia, a súa traxectoria compleméntase con investigacións e proxectos expositivos relacionados coa construción cultural da identidade, a análise da indumentaria como unha forma de expresión creativa, ou a exposición de narrativas pexorativas ao redor da muller e, concretamente, da muller artista, reivindicando unha maneira plural de entender a arte.
A práctica curatorial enténdea como un instrumento eficaz para incentivar a crítica, dar visibilidade a problemáticas presentes nos debates artísticos, sociais e culturais, e afondar en aspectos relacionados coa creación contemporánea. Entre os seus últimos proxectos destacan Así nos ven. Así somos? A imaxe da muller na arte (Pinacoteca Fernádez del Riego, 2016), Un rolo de papel continuo (Universidade de Vigo, Afundación Vigo e A Coruña. 2017-2018), e Almudena Fernández Fariña. Pisando Charcos (CGAC, 2023).