Compostela, 2/07/2026 – O Museo do Pobo Galego segue ofrecendo en xullo unha interesante variedade de actividades. Este mes destaca unha mostra sobre o arquitecto Rafael Baltar que durará ata o mes de setembro.
Será inaugurada o vindeiro día 14 baixo o título de “Rafael Baltar, testemuña dun tempo” no Claustro Alto do Museo do Pobo. Esta mostra fai un percorrido por algúns dos momentos chave da cultura arquitectónica galega do último terzo do S.XX a través da figura de Rafael Baltar (1933-2004), unha das personalidades máis singulares que protagonizou esta etapa, marcada pola chegada da democracia e os novos modos de ver aos ámbitos da arquitectura e cultura galegas.
Baltar –arquitecto, profesor, presidente da Xunta Xestora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, académico, autor…– foi unha das presenzas máis constantes neste ciclo transformador. A mostra acompáñao pola súa obra construída e escrita, mais tamén polo nacemento do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o I SIAC, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña ou o propio Museo do Pobo Galego, do que foi o primeiro socio e parte activa durante moitos anos. Deste xeito, a mostra conmemora este 2026 o 50 aniversario da súa Xunta Xestora e da constitución do seu Padroado e reivindica o papel das persoas e institucións que o fixeron posible.

As estatuas do Mestre Mateo
Ata o 26 de este mes continúa e remata a exposición temporal das esculturas do Mestre Mateo, Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel, organizada polo Concello e o Museo do Pobo Galego.
Da mesma maneira, continúa o programa de visitas guiadas gratuítas á mostra, dirixido a particulares e grupos socioculturais e turísticos. Unha iniciativa que procura achegar a todas as persoas interesadas o valor artístico, histórico e simbólico destas pezas clave do románico galego, así como dar a coñecer o proceso de recuperación que permitiu o seu regreso ao patrimonio público. Haberá tamén pases especiais os días 24 e 25 de xullo, con motivo da celebración do Día de Galicia.
Inscricións no enderezo electrónico deac@museodopobo.gal
Toda a información sobre datas concretas e horarios pode consultarse na web do Museo.
O Museo Acolle
Este sábado o Museo do Pobo acolle ao Festival Atlántica ás doce do mediodía. Será a última das citas coa narración oral do Atlántica 2026 no Museo. Será unha proposta en lingua galega e dirixida a un público adulto. A entrada é de balde e libre até completar a capacidade.
Presentación do libro Raíces nas augas
O Martes, 21 de xullo, ás 19:00 h na ala Sur do Museo do Pobo Galego desenvolverase a presentación do libro Raíces nas augas, de Hugo Javier Freitas. A obra, editada por EOditorial, reconstrúe unha historia de emigración entre Europa e o Río da Prata a finais do século XIX e comezos do XX.
Desde pequenas parroquias do interior de Lugo ata portos do Adriático e cidades da Arxentina e do Uruguay, o libro segue o rastro de persoas que deixaron atrás a súa terra para buscar un futuro ao outro lado do mundo.
A partir de documentos históricos, arquivos familiares e memoria transmitida entre xeracións, estas páxinas recuperan despedidas, viaxes, traballos e silencios que forman parte da experiencia emigrante. Un relato que une investigación histórica e narración persoal para iluminar os vínculos invisibles que sequen conectando as dúas beiras do Atlántico.
A presentación contará coa presenza do seu autor, Hugo Javier Freitas, de maneira telemática; e mais de Antonio Andina, de Eoditorial.
