Compostela, 21 de maio do 2024 – Unha trintena de asociacións de toda Galicia daranse cita, o vindeiro 1 de xuño, no Museo do Pobo Galego nun encontro de traballo colectivo.
A xornada leva por título “O futuro dun legado. Encontro do asociacionismo cultural galego a cen anos do SEG”. A cita no Museo do Pobo Galego é o remate dunha serie de actividades que conmemoran o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, o SEG.
O Museo do Pobo Galego é herdeiro do SEG e con este encontro quere poñer en valor o traballo das asociacións que, de maneiras diversas e desde distintos puntos do país, continúan aquel labor iniciado polo Seminario.
No encontro participarán preto de trinta asociacións das catro provincias galegas que están a traballar en investigación e divulgación de diferentes ámbitos do patrimonio galego: científico, cultural, histórico, territorio, patrimonio inmaterial…
Será unha xornada de intercambio e reflexión colectiva, para afondar nas posibles solucións aos desafíos que xorden na xestión dos proxectos, para analizar e fomentar as relacións entre o tecido asociativo, veciñanza e patrimonio; e para celebrar conxuntamente o traballo que se está a facer desde o tecido asociativo.
A xornada O futuro dun legado. Encontro do asociacionismo cultural galego a cen anos do SEG conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.
A cita pretende ademais abrir vías de intervención e de participación directa da sociedade nun Museo do Pobo Galego que é tamén froito do traballo asociativo. Nacido en 1976 grazas a unha iniciativa civil constituída en asociación, case medio século despois segue mantendo esta forma xurídica e traballando pola conservación, investigación e divulgación da cultura galega desde o ámbito da antropoloxía cultural.
No encontro do 1 de xuño tomarán parte as seguintes asociacións:
ADEGA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Santiago de Compostela (A Coruña)
Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO, A Coruña (A Coruña)
A Sega, plataforma feminista de crítica literaria
Asociación Cultural A Caniceira, A Pobra de Trives (Ourense)
Asociación do Padroado do Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela (A Coruña)
Asociación Gaiteirxs Galegxs, Cerdedo-Cotobade (Pontevedra)
Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, Melide (A Coruña)
Asociación Cultural Prestadora de Servizos Á Xuventude “Pesquedellas”, Betanzos (A Coruña)
Asociación Cultural O Galo, Santiago de Compostela (A Coruña)
Asociación O.R.A.L. de Galicia, Vigo (Pontevedra)
Asociación Cultural Os Penoucos, Valga (Pontevedra)
Asociación Río Miño Natureza Ignacio Gago, Arbo (Pontevedra)
Asociación Cultural Trépia, Pontevedra (Pontevedra)
Associaçom cultural A Gentalha do Pichel, Santiago de Compostela (A Coruña)
Ateneo Ferrolán, Ferrol (A Coruña)
Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial, Ames (A Coruña)
Colectivo A Rula. Asociación cultural de divulgación e protección de arte rupestre, Teo (A Coruña)
Clara Corbelhe, Santiago de Compostela (A Coruña)
Club Cultural Valle-Inclán, Lugo (Lugo)
Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Vilalba (Lugo)
Instituto de Estudios Vigueses (IEV), Vigo (Pontevedra)
Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB), Carballo (A Coruña)
Instituto de Estudos Ulloáns, Monterroso (Lugo)
Instituto de Estudos Miñoráns, Gondomar (Pontevedra)
Ponte… nas Ondas!, Vigo (Pontevedra)
PuntoGal, A Coruña (A Coruña)
Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Vimianzo (A Coruña)
Sociedade Xuvenil Galega de Química, Santiago de Compostela (A Coruña)
Zona Hadal, Betanzos (A Coruña).e 1