A peza chega desde o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria e a cesión foi unha decisión da familia que a cedera orixinalmente ao MUVICLA.

O Museo do Pobo Galego vén de recibir a doazón dunha cambela, unha peza agrícola procedente do MUVICLA, o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria.
Trátase dun instrumento arativo orixinario da parroquia de Gundián, no Concello de Baralla (Lugo), construído entre os anos 1940 e 1945. A peza fora doada inicialmente ao MUVICLA por Manuel Fernández Capón e agora pasa a formar parte da colección do Museo do Pobo Galego, por expreso desexo da familia e do museo lancarao.
No acto de entrega participaron o director do MUVICLA, Marcos Vázquez, e unha representación do Padroado do Museo do Pobo Galego, que expresou o seu agradecemento pola doazón.
En palabras do etnógrafo e patrón do Museo Xosé Manuel González Reboredo, “é unha peza moi singular”, que só se ten detectado nunha área xeográfica moi limitada, localizada na alta montaña de Galicia fronteiriza coas provincias de León e Zamora. Segundo explicou, “era unha especie de prearado que se empregaba para romper un terreo, co fin de facilitar a posterior tarefa de remover a terra”.
A oficialización da doazón enmarcouse na programación do Coloquio Galego de Museos Locais: O futuro dos museos e coleccións visitables en comunidades en cambio constante, organizado polo Museo do Pobo Galego en colaboración co Consello da Cultura Galega e o Consello Galego de Museos.
As xornadas, que se desenvolven no marco do vixésimo aniversario do Instituto de Estudos das Identidades (IEI) do Museo, inclúen relatorios e mesas redondas nas que participan o MUVICLA e unha ducia de museos, coleccións e espazos museísticos locais de toda Galicia.
