Compostela, 21/09/2026 – O Museo do Pobo Galego acollerá unha das exposicións máis interesantes dos últimos tempos e da que formará parte “a barca dos Pepes”. . A embarcación chegou este sábado a Santiago de Compostela despois dunha nova viaxe desde o río Miño.
Transfronteiriza é unha expo-instalación de Diana Gonçalves producida polo Museo do Pobo Galego e Raia Creativa, cuxa inauguración está prevista para o 22 de outubro. A chegada da “barca dos Pepes” pecha unha viaxe iniciada hai un ano, cando a embarcación foi localizada semiafundida no Miño e recuperada coa colaboración das veciñanza da zona.



Aquelas persoas que participaron no reflotamento acompañaron tamén agora á barca no seu traslado ata Santiago, nun proceso no que unha embarcación vinculada durante décadas á vida da fronteira rematou por converterse nun ben colectivo símbolo das relacións transfronteirizas.
“A barca dos Pepes” está directamente ligada ao territorio, á memoria e ás formas de vida desenvolvidas arredor do río. Durante décadas foi empregada para cruzar ata a Illa do Conguedo, un pequeno illote situado no Miño á altura de Verdoejo, no concello portugués de Valença.
O lugar foi espazo de traballo, de cultivo, de pesca, pero tamén de baño e recreo. Para chegar ata el co gando era necesario cruzar o río en barca e, co paso dos anos, aquela embarcación acabou sendo coñecida por toda a veciñanza como “a barca dos Pepes”.

A súa historia está vinculada tamén á propia familia de Diana Gonçalves. Foi un antepasado seu, Pepe, labrego e tratante de gando orixinario de Tui, quen no século XIX comprou o illote do Conguedo, buscando asegurar un terreo de cultivo fértil e un paso entre Portugal e Galicia. Xeracións despois, a última das barcas empregadas para chegar ata a illa seguía formando parte da memoria familiar e da comunidade.
A recuperación da embarcación produciuse no marco do proceso de investigación e creación de Transfronteiriza. A barca apareceu no propio río, onde levaba semiafundida desde finais da década dos oitenta, e foi reflotada coa axuda das veciñas e veciños.
Xa en terra, coa colaboración do Centro Nacional de Arqueoloxía Náutica e Subacuática (CNANS), a barca foi trasladada até o lugar onde permaneceu almacenada durante o último ano. O proceso deu lugar, ademais, a unha recolla de relatos orais entre a veciñanza, recuperando lembranzas vinculadas ao río, á illa e á propia embarcación. Testemuñas e protagonistas de prácticas comerciais, correntes migratorias e vivencias na liña de fronteira.
“A barca dos Pepes”chega agora ao proxecto de Diana Gonçalves, creando así un patrimonio artístico sobre o patrimonio cultural identitario. Transfronteiriza parte dun percorrido iniciado co seu traballo cinematográfico Mulleres da Raia (2009), no que a creadora recolleu os testemuños de mulleres ligadas ao trapiche e ao contrabando de subsistencia.
Nada e criada entre Tui e Valença do Minho, a artista volve así á fronteira para continuar explorando, neste proxecto producido polo Museo do Pobo Galego e Raia Creativa, as memorias dos territorios, entrecruzando vidas e patrimonio de fronteira.
