Bisbarra, 8 de marzo do 2024 – A Asociación Mulleres de Seu ven de remitir unha serie de cartas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e aos seus conselleiros reclamando máis apoio para a muller rural.
Mulleres de Seu preparou unha serie de misivas personalizadas nas que reclaman que defendan á muller rural e afonden na igualdade de oportunidades como liña estratéxica para loitar contra o despoboamento do rural galego e como aposta polo futuro do campo.
A iniciativa vai máis alá do goberno autonómico xa que as cartas serán remitidas tamén a máis de 60 persoas de influencia galega entre as que tamén están cooperativas, concellos e asociacións.
Carmen Rodríguez, presidenta de Mulleres de Seu e vicepresidenta de CLUN, asegura que “a defensa das mulleres rurais e da igualdade de oportunidades é o que vai facer que o rural teña futuro. Por iso imos enviar estas cartas, porque o papel das mulleres no rural debe ter presenza en todos os despachos de Galicia”.
A presidenta de Mulleres de Seu explica que “son moitos os datos que resaltan a muller como unha figura esencial no rural xa que levamos a cabo máis do 75% dos proxectos do rural, o 20% das mulleres rurais estamos inmersas nalgunha fase de emprendemento e máis do 50% do leite co que traballamos en CLUN procede de ganderías lideradas por mulleres”.
Apoiar ás mulleres gandeiras é apoiar o campo
Por iso, as cartas serán enviadas nun paquete que, baixo o lema “Apoiar as mulleres gandeiras é apoiar o campo”, incluirá tres produtos lácteos da cooperativa das marcas Únicla, Clesa e Feiraco. E unha caneca de agasallo co logo de Mulleres de Seu. Foron as propias gandeiras as que encargadas de preparar estes paquetes, que levan ademais unha nota asinada por cada unha delas.
O obxectivo desta iniciativa é facer un chamamento a todas as personalidades para que se lle siga dando cada vez máis visibilidade e recoñecemento ás mulleres dentro do sector agrogandeiro. Por iso, e como mostra de apoio ás mulleres rurais, dende Mulleres de Seu instarán aos destinatarios destas cartas a que compartan unha fotografía da cata ou do paquete nas súas redes sociais, cos cancelos #IgualdadeMulleresRurais #MulleresDeSeu #GandeirasPolaIgualdade.
Plan de Igualdade de CLUN
CLUN está comprometida coa igualdade, ten implantadas políticas en este sentido dende marzo de 2018, con tres obxectivos fundamentais: apoiar ás familias, promover a igualdade de oportunidades e facilitar a conciliación a través dun conxunto ordenado de medidas encamiñadas a acadar a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres da cooperativa, así como eliminar calquera discriminación por razón de sexo.
A conciliación laboral e familiar é tamén unha das principais preocupacións da cooperativa, facilitando a flexibilidade horaria de nais e pais, ofrecendo axudas para gardería ou facilitando licenzas ou permisos especiais para actividades sociais.
Mulleres de Seu
Mulleres de Seu é unha agrupación de mulleres gandeiras da cooperativa que naceu no 2013 para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural. Está integrado por un grupo interxeneracional de mulleres gandeiras, socias de CLUN, que viven e traballan en zonas rurais de Galicia.